Reaccións Cataluña: A Xunta censura a actitude de Torra: "Non se pode ser presidente e activista"

"Con esa actitude dánase gravemente a imaxe de Cataluña e do resto de España, Galicia incluída", proclamou o xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2019 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou na súa reunión semanal deste xoves unha declaración institucional ante os disturbios rexistrados en Cataluña tras a sentenza do 'procés'. Nela, censura a actitude do presidente catalán, Quim Torra; reivindica o Estado das autonomías; e esixe "unha reacción proporcional ao desafío" sen descartar "ningunha medida prevista na legalidade democrática".

"Unha democracia consolidada aséntase no diálogo e a firmeza (...) Ningunha medida prevista na legalidade democrática debe ser descartada cando está en xogo a convivencia pacífica", sinala a Xunta na declaración, á que deu lectura ante os medios o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

O texto reivindica o Estado das autonomías e apunta que é preciso que "todos" os seus integrantes respondan "con determinación e sen fisuras" ante os disturbios rexistrados en Cataluña, sobre todo o Goberno estatal. "A condescendencia e a inacción", engade, non se poden "manexar como opción", igual que non se pode pedir aos independentistas que paren a violencia "e gobernar con eles".

A declaración lida por Feijóo sostén que a sentenza constitúe unha resposta "medida" do Estado democrático fronte ao desafío catalán e incide na gravidade dos feitos rexistrados en Cataluña tras a mesma, ao entender que a reacción xerada trata de "deslexitimar" unha decisión xudicial mentres se instigan manifestacións que "desembocan nunha violencia inusitada".

No foco situou a actitude de Torra. "Non se pode ser presidente autonómico pola mañá e activista pola tarde. Con esa actitude dánase gravemente a imaxe de Cataluña e do resto de España, Galicia incluída", proclamou o xefe do Executivo galego, quen engadiu que a Xunta forma parte dun Estado democrático e da España das autonomías que está "a ser agredida por políticos cataláns".

Ante esta situación, o dirixente galego concluíu que "non é admisible gardar silencios, nin tratar de moverse na ambigüidade e moito menos na condescendencia" en relación aos violentos.

Reunión do Consello da Xunta. XUNTA
Reunión do Consello da Xunta. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 urco

10 anos ocupando o poder para desactivar o autogoverno e só ocupado em fazer de comentarista político do que passa em outros paises. 80 anos de franquismo na Galiza e sumando.