O rexurdir dos coros lonxe de clixés: cantos ao unísono para un tempo novo

Os coros da actualidade collen con paso firme os camiños de innovación da man de xente nova con intencións de renovar a escena coral. Nun tempo de rexurdimento destes cantos conxuntos, o GC fai un repaso por estas actividades e polo labor dos coros históricos - catro deles con máis de cen anos de vida -.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Vivimos un boom de coros en Galicia. Non fai falta escaravellar moito en calquera cidade ou vila galega para atoparse cun. Nos últimos tempos o canto coral adquiriu unha nova forza, tanto que existen para todos os gustos: hainos clásicos, de música tradicional, de soul, de pop, de rock, de jazz... A súa tradición vén de moi antergo en Galicia - de feito, hai catro coros históricos que teñen máis dun século de vida -, e agora, outros moitos están nacendo ao abeiro de asociacións culturais, escolas de canto ou agrupacións con intereses musicais semellantes. 

O Coro da Ra
O Coro da Ra | Fonte: cultura.gal

É o caso do Coro Encaixe e o Coro da Ra, en Santiago de Compostela; ou Coro El Acorde Secreto, na Coruña; mais estes só son tres dunha longa lista de agrupacións. Todas elas rompen con eses clichés que sempre se adoitan asociar aos coros: nin son aburridos, nin son de Igrexa, nin cantan só música clásica... Son grupos de persoas de todas as idades que se xuntan para cantar temas actuais ou darlle unha volta innovadora aos tradicionais, que chaman a atención da xuventude e que cada vez collen máis enerxía. Ofrecen, moitas veces, un espectáculo completo: xogan coas diferentes voces, coidan a escena e teatralizan as pezas musicais. 

NO CAMIÑO DA INNOVACIÓN

A busca de novas fórmulas escenográficas e de novas conxugacións de voces e sons camiñan á par da actividade coral. O Coro da Ra naceu coa intención de cubrir un oco que ata daquela se mantiña baleiro en Galicia. Hai 26 anos, a Ramón Bermejo, o seu director, rondáballe na cabeza a idea de crear unha agrupación coral cun repertorio innovador. "Os meus gustos musicais ían cara o jazz, o blues... En Barcelona fundara un coro, e logo quixen traer ese modelo para aquí", relata. Así pois, saíu ás rúas de Compostela, puxo carteis por bares e farolas, e axiña xuntou un grupo de trinta persoas que deu en cantar por Stevie Wonder ou Ray Charles. 

E por que non unha de Queen a golpe de pandeireta? O Coro da Ra non pecha as portas ás mesturas e hai un tempo tivo a ben mesturar a coñecida peza de Bohemiam Raphsody co tastarastás dunha muiñeira. "A parte máis cañeira non acababa de convencerme só con voces... E nun ensaio dixen: 'ostrás, pero se isto é unha muiñeira! Metemos a pandeireta e funcionou de marabilla!". Os recursos da música tradicional, conta, poden encaixar á perfección noutros moitos estilos, así que traballan co ánimo de seguir casando músicas nunca antes unidas.

Con base na lingua galega e nas pezas dos grupos do país traballa o Coro Encaixe. Estoutra agrupación xurdiu como quinteto vocal e a raíz do programa 'Oh, Happy Day' da TVG - do que resultaron gañadores - a familia foi aumentando paseniño. O seu director, Manuel Abraldes, explica que o sentido de Encaixe radica en "facer temas de artistas galegos". "Somos de aquí e partimos da música de aquí". Así é como Narf, Marful ou música popular recollida polas aldeas adiante soben ao escenario ao xeito de canto coral. "É a nosa maneira de darlles as grazas por todo o que nos dan, o xeito de pagarlles o 'favor'", di Manuel.

Da Coruña, a cidade galega con máis tradición coral do país, vén El Acorde Secreto. Hai cousa de cinco anos, camiño de seis, Daniel G. Artés decidiu facer unha proba de canto e alí se xuntaron 25 persoas. A súa intención era crear un coro enfocado á musica moderna, menos serio, máis achegado ás bandas sonoras. Agora, seguen traballando nesa busca por fuxir do coro estático e por escapar da imaxe clásica do coro. Por diante teñen a teima de introducir de maneira máis potente o compoñente escénico que fai de cada actuación un espectáculo completo.

O VALOR DO COLECTIVO

Dun tempo a esta parte, a actividade coral do país viuse moi reforzada. Pouco a pouco foron aparecendo grandes coros tanto no terreo do clásico coma no do moderno. Ramón Bermejo, que foi tamén xurado de 'Oh, Happy Day', asegura que nestes últimos dez anos a vida coral en Galicia adquiriu "unha nova cor". O Coro Picoro, Sisters in the House, o Coro Sin Nombre, o Coro Coda, o Obradoiro Coral A Vila son algúns dos moitos que inzan a xeografía galega. 

"A música vocal ten un atractivo especial, é máxica", conta Ramón. "Cando consegues poñer en escena arranxos atractivos os oíntes déixanse levar". Será por iso que cada vez máis xente cambia o patio de butacas polo escenario. E ten mérito. Nunha sociedade coma esta en que cada vez máis prima o individualismo, os coros eríxense coma unha illa en que a colectividade triunfa. Así pois, unha vez á semana, un grupo ben numeroso e heteroxéneo de persoas reúnese nun espazo da cidade para xuntar as súas voces ao unísono e crear músicas que xogan coa teatralidade. Forman parte dun proxecto común, reman na mesma dirección e establecen conexións a nivel social, artístico e espiritual. 

Moitos estudos teñen comprobado que cando un conxunto de persoas cantan ao unínoso chega un momento en que o latir dos corazóns de acompasa. Non é difícil de crer, daquela, que un coro mesmo che poida cambiar a vida, como di Daniel. "Ensínache técnicas musicais, pero tamén é unha experiencia persoal moi bonita. Ensínache a estar na vida, a empatizar, a compartir, a axudar aos demais e ser axudado polos demais". A vida coral é a vida mesma. Segundo conta Bermejo, nas sociedades máis avanzadas é onde máis coros hai: "unha sociedade que canta é unha sociedade máis tolerante. Está demostrado".

HISTORIA SECULAR

Este boom coral que vive hoxe o país aséntase nunha longa tradición histórica. Algúns dos máis importantes do país naceron vinculados ás Irmandades da Fala e estaban formados por xente traballadora. "Era un labor filantrópico", conta o historiador Miguel Anxo Seixas. "Tiñan o mérito de recoller a música culta que estaba oculta, pasala ao pentagrama e divulgala polo mundo enteiro". Seixas vén de presentar unha exposición - Son de Galicia, do Consello da Cultura Galega - que recoñece o labor dos coros históricos na cultura galega. 

Nesta mostra percorre a historia de catro deles que aínda hoxe se manteñen: Toxos e Froles, en Ferrol; Cantigas e Agarimos, en Santiago; De Ruada, en Ourense; e Cántigas da Terra, na Coruña. A traxectoria destas agrupacións explican un tempo, unha organización social, unha identidade cultural e unha evolución das técnicas teatrais, que sempre estiveron ligadas aos coros. O director de Toxos e Froles, Arturo Lamas, engade que "parte da historia de Galicia ten que explicarse dende Toxos". Este tipo de coros marcaron o movemento galeguista e, de feito, a primeira asociación en usar a bandeira galega co escudo borgado, é a do Toxos. Se ben na actualidade son poucos os que seguen mantendo a actividade coral ligada ao cante galego, a presenza destas entidades históricas continúa o seu labor de "dignificación da música tradicional e de compromiso coa cultura".

De feito, percorreron mundo nunha época en que pouco se coñecía de Galicia no estranxeiro. Visitaron Portugal, Francia, Italia, México, Cuba... Segundo Miguel Anxo Seixas convertéronse en "embaixadores de Galicia". "Había centos", conta. Perfecto Feijóo e aquel grupo pioneiro Aires da Terra deixou un ronsel que hoxe recollen moitos coros galegos. Modernos, clásicos ou tradicionais, o canto coral, en definitiva, axuda a que un pobo non perda as súas colectividades. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta