Sabes cal é o nome máis popular de Galicia?

Mateo e Sofía son os máis empregados. Noa e Sara para as nenas e Hugo e Daniel para os nenos seguen entre os dez primeiros dende o 2008.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2019 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

Mateo desbancou en 2018 a Martín como o nome máis común para os nenos que nacen en Galicia, mentres que Sofía continúa sendo o máis usado para as nenas, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística (INE).

Así, ao longo do pasado ano, un total de 310 nenos recibiron o nome de Mateo, só dous máis dos rexistrados como Martín, seguido por Lucas (273), Hugo (228), Leo (169), Daniel (168), Manuel (160), Pablo (152), Gael (147) e Enzo (139). Entre todos eles, situados entre os dez nomes máis comúns, suman case o 25% dos nacementos de nenos en Galicia.

Entre as nenas, Sofía (230) continúa un ano máis á fronte dos nomes preferidos entre os pais. Tampouco se move o segundo máis común, Noa (186), aínda que perde distancia con Sofía respecto ao ano 2018.

E é que os cinco primeiros postos no ranking de nenas mantéñense en comparación co pasado ano --Sofía, Noa, Daniela (184), Martina (177) e Sara (152)--. Por contra, Lucía (125) pasa do sexto ao décimo lugar por detrás de Valeria (142), Alba (134), Emma (130) e Lara(129). Todos estes nomes representan o 20% dos nacementos de nenas en Galicia.

Nos 20 primeiros postos tamén hai cambios respecto ao pasado ano. Así, entre os nenos desaparecen Diego, Mario e Alex, que son sustituídos por Nicolás, Anxo e Roi; mentres que nas nenas soben na lista María, Lea e Mia e desaparecen Paula, Iria e Sabela.

O IGE tamén destaca un repunte na tendencia a usar nomes galegos, sendo Noa, Antía e Uxía os máis usados entre as nenas e Brais, Antón e Anxo para os homes, entre os que a onomástica propia de Galicia é máis común, pois se coan entre os 50 primeiros os Roi, Xoel, Xian, André ou Breixo. Sabela, Xiana e Lúa tamén aparecen entre os 50 nomes de nena máis usados ao longo de 2018.

Deste xeito, as tendencias entre os pais e nais á hora de elixir nome para os seus descendentes mudou en Galicia ao longo da última década. De feito, só Noa, Sara, Hugo e Daniel permanecen entre os primeiros postos desde o ano 2008.

Maternidade, fillos, nacemento. EUROPA PRESS - Arquivo
Maternidade, fillos, nacemento. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Sofia, guapa !!

Sofía pola raíña e Mateo pola catedral. O BNG é republicano e ateo, non digo mais.

1 Sentidiño

Sofía pola sabiduría e Mateo pola intelixencia: non sei qué pinta aquí o bng...