O PP pontevedrés reclama que o goberno local explique a "denuncia sen probas" a dous axentes

O portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, lembrou este mércores que o Xulgado de Instrución número tres de Pontevedra ten sobreseído de maneira provisional a denuncia contra dous axentes da Policía Local da cidade pola suposta manipulación duns semáforos o 31 de decembro de 2018.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2019 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

O portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, solicitou este mércores a convocatoria "extraordinaria e urxente" dunha comisión de réxime interior para que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira Carme da Silva expliquen a "denuncia sen probas" a dous axentes municipais por parte do intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle.

En rolda de prensa, Rafa Domínguez lembrou este mércores que o Xulgado de Instrución número tres de Pontevedra ten sobreseído de maneira provisional a denuncia contra dous axentes da Policía Local da cidade pola suposta manipulación duns semáforos o 31 de decembro de 2018, mentres se celebraba a carreira de San Silvestre e unha protesta laboral do persoal dos policías locais.

A denuncia foi trasladada á Fiscalía pola xefatura da Policía Local, despois de que o seu responsable informase os axentes dos feitos que se lle atribúen e lerlle os seus dereitos. O portavoz do Partido Popular valorou como "falsa e inxusta" a incriminación. Domínguez, que se valeu do auto do xulgado, destacou algunha das frases da xuíza de instrución que levaba o caso nas que "di que non hai probas contra os policías, que non está acreditado que os semáforos os manipulasen e que non se correu un grave risco". "Por tanto, o que di a xuíza é que a denuncia non ten fundamento xurídico", subliñou.

O portavoz do Partido Popular de Pontevedra declarou que esperaba que a concelleira Da Silva "saíse a defender aos policías coa mesma celeridade que saíu a defender a Macenlle", e que tamén lle gustou "ouvir ao alcalde, responsable máximo da Policía Local, pedir perdón aos dous axentes". Pero criticou que "o único que se ouviu é a calada por resposta". O Partido Popular esixe "explicacións da denuncia sen probas do xefe da Policía Local a dous axentes", insistiu Rafa Domínguez, quen subliñou que será "contundente solicitando explicacións".

O PP tamén pide que na comisión de réxime interior estea presente o xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, "por ser el quen realiza denuncia sen probas"; a concelleira Carmen da Silva, "por ser a que saíu en defensa da actuación do xefe da Policía", e a do alcalde Lores, "como máximo responsable do corpo municipal". Domínguez concluíu que "o irresponsable foi realizar unha denuncia sen ningún tipo de probas" e rematou indicando que se non comparecen en comisión "sería tentar ocultar os feitos a todos os pontevedreses".

O portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, en rolda de prensa.. PP DE PONTEVEDRA
O portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, en rolda de prensa.. PP DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta