Lidia Cao, muralista: "A moitos homes fáiselles estraño que unha rapaza suba pintar a un andamio"

Esta artista especializada na ilustración mural vén pisando forte no mundo da arte urbana dende hai tres anos. Contra a sorpresa de moita xente por ver unha muller pintar en tales formatos ou subida a unha grúa, Lidia Cao ocupa espazos, grandes espazos, e reivindica a necesidade de facelo.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2019 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

Lidia Cao non se recorda a si mesma sen debuxar. Cando era cativa ilustraba retratos de personaxes, da xente que coñecía ou de xente que inventaba. "Sei que pintaba sempre o retrato dunha rapaza, coma se dunha amiga imaxinaria se tratase... Igual era eu mesma noutra vida, quen sabe!", conta riseira. Agora, con 22 anos, xa se converteu en todo un referente do eido da arte urbana e os seus murais espállanse por diferentes lugares da xeografía galega e estranxeira. Mira o mundo cuns ollos que intentan escapar de calquera estereotipo, que buscan a neutralidade, e que atopan a inspiración no realista, no que ninguén quere facer ver. 

Lidia Cao dando os últimos retoques a un dos seus murais
Lidia Cao dando os últimos retoques a un dos seus murais | Fonte: Lidia Cao

Tamén é ilustradora freelance, pero Lidia Cao descubriu no muralismo un dos formatos que máis a enchen como artista. Ela intervén na rúa, dialoga co espazo público e coas xentes que o habitan, dálle nova vida ás paredes en branco. Fai que falen, que conten historias que cada quen interpreta ao seu xeito. "As rúas son de todos e de todas", reivindica. Di que lle queda moito por aprender e por comprender, pero xa agora, paga a pena lela e botarlle un ollo ao seu xeito de reinterpretar o mundo. Adiante!

De onde nace esta querenza túa pola pintura?

Non teño antecedentes familiares no mundo da arte, a verdade. Creo que foi algo que foi aparecendo no meu camiño, sen que ninguén me influenciase de pequena. Algo innato, e non me refiro ao debuxar, que iso é moito tempo de práctica/erro, se non que me guste o arte na súa totalidade. Xa despois, de máis moza, me empezou a interesar a pintura en formato mural.

Que tal ese primeiro paso de dicirlle á túa contorna que querías estudar o bacharelato de arte? Tiveches que lidiar cos típicos clixés?

Lidia Cao, artista urbana e ilustradora, en Vigo
Lidia Cao, artista urbana e ilustradora, en Vigo | Fonte: Miguel Núñez

Tiven que lidiar, si. Pero non todo foi negativo, tiven a sorte de que miña nai me acabou apoiando, que é a única figura que teño como tal. Grazas a ela puiden estudar o bacharelato fóra do noso pobo e logo poder facer o Ciclo Superior de Ilustración na EASD Pablo Picasso na Coruña. Cando estás na ESO tes que aguantar todo tipo de comentarios, sobre todo no

último curso, tanto por parte dos profesores como por parte dos compañeiros e compañeiras. Non foron moitas críticas, pero sempre aparecen comentarios alleos e esteriotipados, do tipo de se me vou facer homosexual ou vou ser demasiado “libertina” por estudar arte; como se a túa condición, sexa cal sexa, dependese do que vas estudar. Parvadas - como que somos uns vagos ou uns 'dameigualtodo' - que se asocian a día de hoxe ao noso mundo. Lamentablemente todo o artístico segue a ser infravalorado.

"Cada experiencia que vivo ábreme un pouco máis a mente, e iso é todo o que busco"

Dis que estudar ese Ciclo de Ilustración marcou para ti un antes e un despois. En que sentido?

En todos. Aprendín cousas que me abriron os ollos, coñecín uns compañeiros e compañeiras exemplares, mellores amigas/os a día de hoxe. Aprendín moito neses dous anos. Volvería mil e unha veces a cursar se me volvesen tocar as mesmas condicións. Cada experiencia que vivo ábreme un pouco máis a mente, e iso é todo o que busco, ter moitas perspectivas.

"O muralismo é unha arma moi poderosa para toda a sociedade"

Adentrácheste no mundo do muralismo a través duns talleres de iniciación en Carballo e Ordes. Que te prendeu deste formato?

 

Exacto. Prendeume o poder que ten sobre a forma de contar as cousas, o seu contexto e a súa importancia á hora de estar na rúa. Que poidas expresar o teu pensamento ou a túa obra nun lugar onde a xente pode parar a velo, reflexionar, a darlle voltas á cabeza sobre o que fixeches... Todo iso xogando co gran formato que impacta a primeira vista. É unha “arma” moi potente sobre a sociedade. Para min ten moito significado.

Aínda que naciches en Santiago, medraches en Ordes, esta vila, co Desordes á cabeza, é canteira da arte urbana. Xa estabas familiarizada co muralismo dende había tempo?

Non me dera conta en parte, porque xa medrei vendo iso e xa estaba acostumada, mais non sabía do que se trataba. Síntome orgullosa de que no noso pobo se crease isto tan máxico que temos, xuntando tantas culturas de todo o mundo, creando un museo ao aire libre feito por uns artistas marabillosos e cheos de contido.

"Pretendo que as persoas reflexionen e reflexionar eu con elas"

Que che permite o espazo público como soporte?

Permíteme que a miña idea chegue a máis xente. Con isto pretendo crear algo que aporte á sociedade, aínda que só chegue a unha parte desta; facer pensar as persoas, que reflexionen e reflexionar eu con elas tamén.

Mentres estás traballando nun lugar tes contacto coa xente que o habita? Que che din? Como reaccionan? 

"A moita xente fáiselle estrano que unha rapaza coma min saiba subirse a unha grúa ou andamio soa"

Sí, por suposto. Unha das cousas de intervir no espazo público é que coñeces un montón de viandantes e xente que pasa verte. Hai de todo! Todas as opinións son dispares. Algunhas máis agradables que outras, para que mentir [di riseira]. En moitos proxectos relacionante coa xente da zona para que coñezas os veciños e veciñas e poidas facer algo pensando neles ou no lugar. Iso está moi ben, é enriquecedor para as dúas partes.

Non recordo unha situación agora mesmo destacable, pero a moita xente (sobre todo homes) fáiselles moi estraño que unha muller ou unha rapaza coma min pinte en formatos tan grandes e saiba subirse a unha grúa ou andamio soa. En case todas as ocasións me din que quen é o artista real ou quen me está a axudar. Aínda queda moito camiño por andar...

O muralismo segue sendo un mundo de homes? Como combates o machismo?

 

Pouco a pouco estase desfacendo ese mundo só de homes, pero aínda falta moito. O graffiti é considerado mundo de homes pola época que se orixinou. A sociedade non estaba preparada, se para eles xa era un risco (dentro e fóra), para elas era o dobre. O neomuralismo de hoxe en día penso que vén contaminado por iso. As mulleres non pintaban tanto, polo tanto había máis homes que se especializaron, puideron profesionalizarse e ter moita máis experiencia.

"Temos que demostrar en todo momento que somos válidas"

Machismo hai en todos os campos, pero está claro que no mundo do arte aínda queda moito que rascar para sacar esa costra morta. Parece que temos que esforzarnos máis

para facernos ver. Temos que demostrar en todo momento que somos válidas. En moitas ocasións fante sentir de menos, ou que non eres tan válida coma eles. Parrafadas. Por outra banda, as institucións ou clientes que só contactan contigo por ser muller, e non polo que pintas, tampouco axudan nesta nova perspectiva. Discriminación positiva.

 

Notas paternalismo?

 

En certo modo si, sobre todo nas mulleres novas coma min, que xogamos un papel dobre.

 

"Houbo moitas artistas, pero á sombra. Alégrame saber que formo parte dunha xeración que está a mudar iso"

 

As mulleres foron moito máis pintadas por homes ca por mulleres... Facían falta máis mulleres pintando mulleres? Facía falta que mudara a perspectiva?

 

Xa había mulleres pintando mulleres. Mulleres pintoras. O caso e que a sociedade non as fixo ver. Vivimos nun mundo patriarcal aínda hoxe; houbo moitas artistas, moi boas, seguramente mellor que algúns homes da súa época, pero iso non interesaba. Só estaban para servir e estar á sombra. Alégrame saber que formo parte dunha xeración que está a mudar iso, cousa que fai moita falta, e espero que siga adiante.

 

Nas túas obras non creas musas, senón persoas humanas cunha carga simbólica detrás. É difícil á hora de facer arte non caer no mito do matriarcado?

 

Sí, sobre todo porque ti fas unha obra que para ti significa unha cousa, pero logo vista

desde fóra xa non é o mesmo. Custa moito chegar á mente da xente como ti queres que chegue a túa mensaxe. O verdadeiro arte é ese, non o feito de crear algo puramente estético.

 

Que é o que te inspira deste mundo que te rodea?

 

Inspírame os seres. A vida na súa plenitude. E non falo dun mundo cheo de cor e felicidade, senón máis ben o contrario. O realista, o que está aí, o que ninguén o quere facer ver porque non é agradable. Inspírame o desagradable desde planeta que lle chamamos noso mundo. Pero sen soar pesimista ou negativa, non, só quero sacar iso á luz.

"O significado dunha peza está nos ollos de quen a mira"

As figuras, os rostros e a mirada teñen un poder moi grande no teu traballo. Que espazo lle deixas ás emocións nas túas pinturas?

 

Aínda estou experimentando á hora de producir emocións. É algo que para min é moi complicado de falar e moito máis de expresar ilustrando. Segue a ser moi abstracto o concepto. En moitas ocasións, ao crear unha peza, para ti ten un significado claro e contundente, pero para outra persoa con outras vivencias, significa algo completamente diferente. Moito está nos ollos de quen o mira.

 

Como vives o proceso creativo? Que sentes fronte a unha parede en branco, cando estás en pleno traballo e cando ves a túa pintura rematada dende lonxe?

 

Ese proceso fáiseme moi custoso, lento e a vez pásaseme o tempo voando. Non son fáciles os procesos creativos. Súfrese moito, sobre todo cun mesmo, xa non cunha institución ou cun cliente. O maior obstáculo poñémolo nós á hora de facer algo novo, pero cando unha queda contenta co resultado, todo o esforzo paga a pena.

 

A arte urbana permitiuche viaxar moito. Que tal esas experiencias polo mundo adiante?

Das mellores cousas que podes vivir. Enriquece moito viaxar fóra e mais vivir outras culturas, aínda que non sexan moi diferentes. Aprendes como persoa. Inspírame moito coñecer xente doutros lugares que se dediquen ao mesmo, poder falar e interactuar con ela. Sempre é unha experiencia beneficiosa.

Consideras o muralismo un traballo recoñecido e valorado socialmente? Corre o graffiti a mesma sorte?

Máis que o graffiti si, por suposto. Pero aínda así para nada o vexo un traballo recoñecido e valorado como se merece. O graffiti queda máis eclipsado, e polo tanto, está máis mal visto.

"Non é nada doado vivir como autónoma, e máis no noso campo"

Vives da pintura?

Actualmente si, por sorte, compaxinado con ser ilustradora freelance. Non é nada doado. O mundo da autónoma é moi complicado, pero máis no noso campo. É difícil conseguir unha estabilidade apta para unha vida tranquila.

Lidia Cao, artista urbana e ilustradora, en Vigo
Lidia Cao, artista urbana e ilustradora, en Vigo | Fonte: Miguel Núñez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta