Ciudadanos cre que as enquisas "se cociñan" e aspira a mellorar o seus resultados

Beatriz Pino cre que o partido laranxa revalidará os dous escanos que xa obtivo en abril pasado, pola Coruña e por Pontevedra, e sinalou que podería mesmo obter unha terceira acta, esta vez por Ourense.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2019 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

O secretario de Organización de Ciudadanos en Galicia, Laureano Bermejo, asegurou este xoves que as enquisas "sempre se equivocaron" ao ser "cociñadas" dunha forma "interesada" por "unha parte".

"E non só se cociñaron senón que esta vez se queimaron, pasáronse de freada", manifestou en referencia ao último barómetro publicado polo CIS --segundo o que Ciudadanos só obtería un escano por Pontevedra en Galicia-- nunha rolda de prensa en Santiago de Compostela.

Laureano Bermejo participou na presentación da candidatura de Ciudadanos pola provincia da Coruña para as próximas eleccións do 10 de novembro, cita electoral na que a formación liderada por Albert Rivera aspira "non só a repetir os bos resultados" obtidos o 28 de abril --nos que se fixo cun representante pola Coruña e outro por Pontevedra--, "senón a melloralos".

"Non estamos dispostos a facerlle máis caso ás enquisas, sempre nos fallaron", subliñou Bermejo, que considerou que o CIS "se está equivocando" ao ser "utilizado con fins electorais e partidistas".

Cidadáns Galicia presenta a súa candidatura pola Coruña para as eleccións xerais do 10 de novembro
Cidadáns Galicia presenta a súa candidatura pola Coruña para as eleccións xerais do 10 de novembro | Fonte: Europa Press

BEATRIZ PINO

Pola súa banda, a candidata de Ciudadanos ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Beatriz Pino expresou o seu convencemento de que o partido laranxa revalidará os dous escanos que xa obtivo en abril pasado, pola Coruña e por Pontevedra, e sinalou que podería mesmo obter unha terceira acta, esta vez por Ourense.

Así o trasladou nun almorzo informativo con medios, no que proclamou que afronta esta campaña electoral, que comeza oficialmente a próxima medianoite, "con moitas ganas e responsabilidade", porque ten "unha segunda oportunidade" para "desbloquear a situación do país".

Beatriz Pino subliñou que os deputados "traballarán por Galicia" e que Ciudadanos vai ter "un papel importante", tanto na defensa dos intereses galegos como na configuración do próximo goberno central.

No seu encontro cos medios, a candidata lembrou o decálogo das principais reformas polas que aposta o seu partido. Así, incidiu no apoio ás familias e á natalidade; na aposta por unha sanidade "igual para todos", coa creación do cartón sanitario único; ou na "tolerancia cero coa corrupción".

Entre as medidas expostas está tamén a reforma da lei electoral para haxa un sistema de listas abertas e para que os partidos "que queren dividir España" non teñan representantes nas Cámaras se non alcanzan o 3 por cento dos votos.

Finalmente, apostou por medidas que garantan pensións estables, por un gran pacto de Estado pola Educación para que non haxa "17 sistemas educativos"; por un pacto de Estado para afrontar o despoboamento; pola baixada de impostos e o apoio aos autónomos; ou por acabar coa precariedade do mercado laboral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta