Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/11/2019 | Actualizada ás 12:32
Un veciño de Santiago enfróntase a unha petición de 12 anos de prisión por supostamente abusar sexualmente de forma continuada das súas dúas sobriñas menores de idade, unha das cales ten unha discapacidade intelectual.
Segundo o escrito de Fiscalía, os feitos remóntanse á noite do 6 de agosto de 2016, cando o home entrou no cuarto de baño da casa que compartía coas súas sobriñas menores mentres unha delas, que presenta un atraso mental moderado, se atopaba no interior.
Alí, e "con claro abuso da indemnidade sexual da menor", o home "levantoulle a bata e comezou a facerlle tocamentos" mentres "lle tapaba a boca para así evitar que chamase a atención do resto de habitantes do inmoble".
Uns días máis tarde, o acusado, "con idénticas intencións lascivas", entrou no dormitorio da súa outra sobriña, tamén menor de idade, "mentres se atopaba recollendo obxectos persoais" e, tras empurrala enriba da cama, colocouse sobre ela e "comezou a bicala na boca e no pescozo ata que esta logrou quitalo de enriba". Os feitos repetíronse "noutras ocasións", engade o Ministerio Público.
Por iso, o fiscal considera ao acusado culpable de dous delitos de abuso sexual continuado a menor de idade e pide un total de 12 anos de prisión, así como unha orde de afastamento das nenas por un período de nove anos e que as indemnice con 6.000 euros a cada unha polos danos morais ocasionados. A Audiencia Provincial da Coruña na súa sede en Santiago acollerá o vindeiro mércores, día 6, o xuízo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.