O Concello de Santiago espera convocar o novo concurso do servizo da auga no inicio do 2020

O alcalde asegura que o novo contrato da auga estará ligado aos investimentos necesarios na rede.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2019 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, confiou en poder convocar o novo concurso do servizo da auga no primeiro trimestre de 2020 para levar o saneamento ao rural da cidade e mellorar a rede naqueles lugares onde é necesario.

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns para informar os asuntos abordados na xunta de goberno local, o rexedor deu conta da posta en marcha da comisión municipal que abordará todas estas cuestións ante a finalización, o pasado mes de maio, do concreto deste servizo.

"Non é prorrogable, estamos cunha encarga de xestión e será necesario preparar toda a documentación para regularizar a situación", destacou o rexedor, que detallou que se debe "preparar a liquidación" do contrato finalizado e redactar o "prego de condicións para o novo concurso".

O rexedor explicou que é necesario "estender o servizo" á zona rural, así como renovar "unha parte da rede" da cidade que é "bastante antiga". "Cremos que se tratará dun investimento enorme que a día de hoxe non sabemos se o Concello está en condicións orzamentarias de asumir", manifestou Bugallo, que cifrou o coste nuns "50 millóns de euros".

Bugallo lembrou que a redacción dos novos pregos está pendente dun informe da situación da rede da auga e das súas necesidades de investimento, que espera que poida ser entregado antes de final de ano. Ademais, resaltou a importancia deste estudo ao asegurar que o prego "ten que ir ligado a eses investimentos e a unhas prioridades".

"Isto vai requirir dun investimento moi grande, que previsiblemente non estaremos en condicións orzamentarias de asumir", indicou o alcalde, que insistiu en que os pregos deberán "ir ligados ao investimento e a un prazo de amortización" deste investimento.

EMPREGO

Na xunta de goberno local, ademais, aceptouse a subvención da Vicepresidencia da Xunta para a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero. A achega, de 248.034, euros, permitirá a contratación de 11 traballadoras.

Ademais, a proposta da concellaría de mocidade, deuse luz verde ao gasto e iniciouse o procedemento de contratación do servizo de xestión e programación de actividades do Centro Xove de Creación Cultural e locais municipais de música para a mocidade de Compostela, situados na Almáciga.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa.. EUROPA PRESS - Arquivo
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta