Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 12/07/2025 | Actualizada ás 22:00
Nos últimos anos, Galicia está a vivir un fenómeno que ameaza a súa tradición festiva máis arraigada: a substitución paulatina das verbenas organizadas por comisións veciñais pola proliferación de festivais que ocupan practicamente todas as fins de semana do verán. O que antes era un calendario de festas parroquiais baseadas na colaboración, voluntarismo e identidade local, convértese agora nun taboleiro de competencia desigual, onde as comisións teñen cada vez máis difícil manter as celebracións. Estas festas populares, abertas a toda a veciñanza, están quedando arrinconadas por eventos profesionais que contan con grandes orzamentos, patrocinios e cartaces con artistas mediáticos. A presión económica, a imposibilidade de competir en infraestrutura e a falta de apoio institucional poñen contra as cordas a esencia da festa tradicional galega.
En Figueirido, unha pequena parroquia pertencente ao concello de Vilaboa, a súa comisión de festas viviu este ano unha situación que exemplifica o problema. "Tivemos que acurtar as festas por mor deste festival que van facer agora no Parque de Tafisa de Pontevedra", conta a Galicia Confidencial Javier, un dos membros da comisións de festas. A decisión foi difícil, pero inevitable: "Contabamos con que a xuventude viseñe aquí porque tiñamos un día pensado para eles, con discotecas móbiles e demais, pero tivemos que cancelalo, porque mesmo os rapaces da parroquia nos dixeron que ían ir ao festival". "Afectounos moito porque ademais é un festival novo e non sabiamos con moita antelación que ía habelo", di.
UN EFECTO DOMINÓ QUE AFOGA ÁS COMISIÓNS DE FESTAS: EN FIGUEIRIDO (VILABOA) TIVERON QUE ACURTAR UN DÍA DE FESTA
O efecto dominó esténdese a todas as partes da organización da festa. A cancelación dun día supón menos ingresos tamén para o bar que pon a cantina, que xa tiña un contrato pechado. "Se o bar non ten xente, non vai poder recadar o previsto, e se non lle chegan os cartos para cubrir gastos, non nos vai dar a parte que nos tocaba á comisión", lamenta Javier. Todo iso repercute nun modelo baseado no traballo voluntario: "Somos veciños sen ánimo de lucro e loitamos moito todo o ano buscando apoio entre as casas comerciais e os veciños da parroquia para poder facer as festas". Se ben, a realidade é que "cada vez custa máis: a xente está queimada e todo está moi caro, tamén as orquestras".
As festas de Figueirido celébranse tradicionalmente o 11 de xullo, día de San Bieito. Para evitar coincidir con outras celebracións da contorna, a comisión de festas adoita organizar unha mexillonada gratuíta o día anterior, o 10 de xullo. Este ano planearan ampliar a festa a tres días, pero foi a aparición inesperada do festival de Pontevedra o que os obrigou a recuar na súa pretensión: "Este ano o día grande caía en sábado e era o día perfecto para facer unha festiña para a xuventude, nun recinto precioso, moi grande e como poucos quedan xa". Ademais, Javier tamén pon en valor o feito de que "nós non cobramos entrada a ninguén, ao revés, damos comida gratis, o pan de millo pono a comisión, porque a nosa premisa é: todo para o pobo".
DETRÁS DAS FESTAS DUNHA PARROQUIA PEQUENA HAI MOITO ESFORZO VOLUNTARIO DE VECIÑOS QUE TRATAN DE PRESERVAR UNHA TRADICIÓN
Actualmente a comisión de festas desta parroquia conta con 17 membros e atende a entre 400 e 500 veciños. A tradición da festa vén de lonxe, aínda que Javier non sabería datala con exactitude: "Esta festa é moi antiga, antes facíase na estrada, cando aínda había que saír buscar madeira no monte para montar os palcos das orquestras". E, como di, "aínda que agora as orquestras teñen palcos propios, o esforzo non é menor, pois custa moito organizar as festas: hai que reunirse, buscar os grupos, recaudar os cartos...". A planificación é arriscada. "Intentas contratar antes as orquestras, pero iso implica gastar sen saber se vas recuperar", lamenta, lembrando que "este ano metémonos en tres días de festa e, cando nos enteramos do festival, tivemos que chamar a cancelar contratacións que non podiamos asumir".
A situación que se vive en Figueirido non é un caso illado, nin moito menos. "Dá igual cando teñas a festa, porque agora mesmo hai festivais todas as fins de semana do verán", apunta. Con todo, Javier tamén deixa claro que el non está en contra dos festivais, porque "todo o que se poida facer pola nosa terra, benvido sexa", pero pide que alo menos se respecten certas datas: "Hai festas que xa teñen tradición, como A Peregrina en Pontevedra, á que xa non lle compite ningún festival; pero nós, pola contra, xa temos de veciños as festas do Carme en Marín e agora aínda por enriba aparécenos un festival novo... Xa é moito". O problema é de fondo: "É algo xeral, en toda Galicia, agora comezan as festas grandes e xa están interrompidas por festivais".
CHAMADA DE ATENCIÓN AS ADMINISTRACIÓNS
Javier remata cunha petición: "Estaría ben que as administracións sexan conscientes de que isto está a pasar. Ás veces só é cuestión de que para organizar eses novos eventos se busquen datas máis axeitadas, para que todos poidamos convivir". O membro da comisión de festas de Figueirido fala con paixón dunha festa que para todos os veciños é moito máis ca un cartel musical: "Significa moito para a xente da parroquia: é un día para estar coa familia, para invitar aos familiares de fóra, é unha tradición de moitos anos". Así as cousas, "estes festivais igual tiñan que mirar un pouco máis as datas que elixen e respectar máis estas tradicións pequenas que forman parte da identidade galega e que teñen tanto valor", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.