Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2019 | Actualizada ás 14:25
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) incrementa os seus orzamentos case un 15% en 2020, ata os 33,7 millóns de euros, nunhas contas que suporán a "consolidación" deste ente creado en 2018.
Diso informou este luns en comisión parlamentaria o director de Agacal, Manuel Rodríguez Vázquez, quen sinalou que estas contas se basean en tres eixos de apoio á formación, a innovación e a calidade diferencial.
En fronte, a oposición censurou que as contas "non aumentan onde se necesitan", mentres "seguen" sen cubrirse a metade de prazas vacantes de investigadores no centro de Mabegondo, no municipio coruñés de Abegondo.
Pola súa banda, o director de Agacal defende a subida dun 30% dos investimentos nos centros de investigación (Mabegondo, Lourizán, Evega e Lafiga), así como o mantemento do orzamento de case 700.000 euros para os seis centros de formación e experimentación agroforestal (Sergude, Guísamo, Becerreá, Ribadeo, Monforte de Lemos e Lourizán).
Xunto a isto, porase en marcha un plan estratéxico integral para a formación no ámbito agrario, gandeiro e forestal, que incluirá a formación regulada e profesional, ademais dos certificados de profesionalidade e formación continua.
PARTIDAS
Ademais, a partida de proxectos piloto de novas tecnoloxías e procesos sobe máis dun 70% (ata os 2,3 millóns). Tamén se destinan 1,4 millóns para promoción de produtos agroalimentarios, coa conversión de Pazo de Quián nunha leira escaparate.
Destaca que este ano as denominacións de orixe contan cunha facturación que rolda os 500 millóns de euros, o que comparou con que hai unha década estaban nuns 200 millóns. A indicación xeográfica protexida Pan Galego está pendente de superar o último tramo para o seu rexistro na UE. Os gastos de funcionamento dos consellos reguladores soben un 20%, ata os 600.000 euros.
Para control da calidade van 375.000 euros (+25%). A promoción no mercado interior leva 3,5 millóns (+17%).
VISIÓN DOS GRUPOS
No debate, Óscar Vilar Chento (PSdeG) lamentou que "un ano despois das grandes promesas" realizadas polo director de Agacal na posta en marcha do organismo "quedaron tan só niso", porque "feitos e resultados hai moi poucos".Así, pregúntase "onde están os novos ciclos prometidos".
Antón Sánchez (Común da Esquerda) lamenta o "sistemático enfraquecemento do sistema público de investigación". Recrimina que hai un ano o responsable de Agacal prometeu cubrir a metade de prazas vacantes en Mabegondo, e "por agora nada de nada".
Así mesmo, Xosé Luís Rivas, Mini (BNG), recrimina o "abandono" no agro "no último decenio", con "un 50%" do cadro de persoal sen cubrir.
Nesta liña, Davide Rodríguez (En Marea) censura como os centros formativos e de investigación "pouquiño a pouquiño fóronse desmantelando", con 11 vacantes de 22 prazas de investigadores en Mabegondo, reprocha.
En cambio, Moisés Branco (PP) defendeu as contas da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, fronte á visión "catastrofista" e "pesimista" da oposición.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.