Uns 200 artistas debuxarán espazos de Santiago no encontro internacional de cadernos de viaxe 'Compostela Ilustrada'

Preto de 200 artistas chegados de Irlanda, Francia, Canadá, Austria, Inglaterra, Portugal e outros puntos de España participarán entre o xoves e o domingo no IV atopo internacional de cadernos de viaxe Compostela Ilustrada, no que debuxarán a 'arquitectura contemporánea' de Santiago.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2019 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

Preto de 200 artistas chegados de Irlanda, Francia, Canadá, Austria, Inglaterra, Portugal e outros puntos de España participarán entre o xoves e o domingo no IV encontro internacional de cadernos de viaxe 'Compostela Ilustrada', no que debuxarán a 'arquitectura contemporánea' de Santiago.

Presentación do Encontro Compostela Ilustrada
Presentación do Encontro Compostela Ilustrada | Fonte: Concello de Santiago.

Este será o lema desta edición, no que, un ano máis, os ilustradores convidados sairán ás rúas da cidade para debuxar espazos como o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Auditorio de Galicia, o Mercado de Abastos, a Facultade de Ciencias da Comunicación ou o Café Casino.

Entre os participantes convidados nesta edición destaca a presenza do irlandés Róisín Curie, do francés Laurent Corvaisier, dos portugueses Hugo Costa e Vicente Sardinha, da madrileña Isabel Carmona e do sevillano Guridi, entre outros.

Durante o encontro, os participantes e os convidados sairán a debuxar Santiago desde distintas perspectivas tanto en formato workshop -divididos en grupos e dirixidos polos ilustradores convidados as mañás do venres e do sábado- ou taller -a tarde do xoves, na Rúa do Vilar-.

XORNADAS DE ILUSTRACIÓN URBANA

Así mesmo, o Auditorio de Galicia acollerá unha nova edición das Xornadas de Ilustración Urbana, que se desenvolverán o día 8 e o 9 de novembro. Nelas, seis dos participantes no encontro debaterán co público asistente ao redor de diversas cuestións relacionadas coa actividade artística.

En concreto, o venres, Isabel Carmona ofrecerá a conferencia 'Pintando con luz', Hugo Barros falará sobre 'O debuxo como ferramenta de comunicación' e Guridi sobre 'O proceso e o erro como ferramenta de creación'.

O sábado será a quenda de Aurora Villaviejas, que ofrecerá a conferencia 'Vida sobre o papel: visións e ficcións da cidade'; e de Federico Granell, que falará da música como inspiración. A continuación, Róisín Curie contará 'O meu paraíso persoal: descubrindo esbozos de Illa Mauricio e máis aló'.

Por outra banda, o Encontro Compostela Ilustrada servirá tamén de marco para a presentación de tres publicacións. A primeira delas, 'Camiño do Norte. Visións contemporáneas', de Amelia Palacios, Pilar Barral, Aurora Villaviejas e Ana Grasset; recolle unha serie de ilustracións que reivindican o papel da muller na arte a través dos Camiños de Santiago, en concreto do Camiño Norte de e os seus espazos emblemáticos do campo da arte.

Así mesmo, Vicente Sardinha traerá a Santiago 'Sardinha en lata', un libro que recolle unha selección de debuxos das súas viaxes durante os últimos 10 anos; e Guridi presentará neste marco 'Abitar o herror', unha invitación a "caer no caos do proceso artístico para descubrir a importancia do erro".

De forma paralela á celebración do encontro, en Santiago poderán visitarse dúas exposicións, 'Simplemente Santiago', que acollerá o Museo das Peregrinacións do 7 de novembro ao 7 de xaneiro, con material sobre a cidade de Joaquín González Dorao; e 'De viaxe', de Federico Granell, que estará na Galería Metro.

A maiores, haberá unha exposición colectiva, 'Postais desde...', conformada por postais remitidas polos participantes na pasada edición e que estará na Galería Sargadelos. As pezas desta mostra venderanse, e os fondos recadados irán para a aula Hospitalaria de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta