Piden á Xunta máis horas e mellor soldo no servizo de axuda a domicilio

Fegamp critica a limitación de gasto municipal e reclama que o novo financiamento autonómico se negocie tamén cos concellos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2019 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

Incrementar o pago por hora para axuda a domicilio que a Xunta achega ás entidades locais, simplificar os procesos de acreditación de discapacidade, "cada vez máis confusos", flexibilizar o investimento dos remanentes municipais ou ter en conta a dispersión poboacional na repartición de fondos para dependencia son algunhas das reclamacións que teñen os concellos galegos no ámbito da discapacidade e da dependencia.

Así as expuxo este xoves o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, durante a súa comparecencia na comisión non permanente sobre políticas de discapacidade do Parlamento de Galicia.

Durante a súa intervención, García destacou que un de cada tres galegos dependentes opta pola prestación de axuda a domicilio, unha opción que en Galicia ocupa unha maior porcentaxe que no resto do Estado. "Os dependentes seguen optando maioritariamente por permanecer nos seus domicilios", dixo.

Por iso, destacou a importancia que cobra o servizo de 'Axuda no fogar' e o "esforzo" que realizan desde os concellos para mantelo, especialmente no relativo a aquelas persoas que non contan cunha valoración de dependencia pero que teñen "necesidades especiais".

No capítulo das reclamacións, Alfredo García asegurou que "non se cumpriu" que o financiamento "se asumise integramente polo Estado e as comunidades", o que obriga ás entidades locais a achegar dos seus recursos propios. En concreto, afirmou que os municipios pagan actualmente entre 14 e 16 euros por hora de axuda no fogar, mentres que a comunidade "abona 9,7 euros por hora".

Do mesmo xeito, chamou a atención sobre a redución das horas máximas de asistencia para grandes dependentes, que se sitúa en 70, o que xera "moitos máis dependentes atendidos pero con menos horas" e deriva en que as familias deben facer "un esforzo adicional".

A Fegamp, solicitou " de forma reiterada" á Xunta "a necesidade de incrementar o prezo por hora percibido" para este servizo, explicou Alfredo García, que incidiu tamén en reclamacións habituais como que se teña en conta a dispersión poboacional á hora de repartir os fondos para dependencia entre as comunidades autónomas.

SIMPLIFICACIÓN DO PROCEDEMENTO ADMINISTRATIVO

Outro dos puntos sobre os que chamou a atención o presidente da Fegamp foi a necesidade de simplificar os procedementos administrativos para a obtención de certificados de discapacidade ou dependencia, algo que "cada vez está peor".

"Os procesos son cada vez máis confusos, mareamos máis á xente", dixo Alfredo García, que chamou a atención sobre que os documentos que acreditan estas situacións "non serven para todos os departamentos" e reclamou unha "integración de procedementos" e unha "axenda social única".

Tamén se referiu á adaptación da accesibilidade no ámbito municipal e ao "gran esforzo de investimento" realizado na materia polas entidades locais. No entanto, criticou os obstáculos impostos pola Lei de Sustentabilidade, coa que os concellos "viron recortada a súa capacidade para investir". "Moitos municipios de Galicia teñen superávit e remanente positivo, e é necesario levantar un pouco a man para poder investir", dixo o presidente da Fegamp, que lembrou que "a accesibilidade se consegue con investimento".

TARDANZA E COORDINACIÓN

Durante a quenda dos grupos parlamentarios, os representantes das distintas forzas incidiron en cuestións como a tardanza nas valoracións de discapacidade e dependencia e a necesaria coordinación e corresponsabilidade na materia entre as distintas administracións.

Neste sentido, a deputada de En Marea Paula Vázquez Verao esixiu que se "amplíen" os fondos da Xunta para o servizo de 'Axuda no Fogar', así como que se estableza "un mínimo de igualdade" entre os distintos municipios galegos, xa que actualmente teñen "moita disparidade" en canto a prestación de servizos. A deputada tamén chamou a atención sobre os efectos que ten "tardanza na valoración da discapacidade e da dependencia" nos servizos municipais.

Pola súa banda, Montse Prado (BNG) criticou que Xunta e Estado traten aos concellos "case como menores de idade" á hora de asumir obrigacións e lembrou que "queda moito que facer" en materia de accesibilidade, aínda que se trata unicamente de "unha cuestión de recursos". En particular, apostou por cuestións como planificar o novo urbanismo "pensando na accesibilidade" de todos.

Na súa quenda de intervención, a deputada do Grupo Común da Esquerda Paula Quinteiro reclamou por unha "rede de coidados públicos" que incida, a maiores, en beneficios para o emprego, e criticou que as administracións, "a día de hoxe, non están a ser capaces de garantir o benestar das persoas". Para Quinteiro, un dos "retos fundamentais" actualmente é "a coordinación entre servizos", así como a atención e o acompañamento psicolóxico do coidador.

A continuación, na súa quenda de intervención, a deputada do PPdeG Marta Rodríguez-Vispo reivindicou o decreto de atención temperá da Xunta, que "foi un antes e un despois na sociedade galega" e reclamou os "200 millóns de euros que o Estado debe" a Galicia para servizos sociais. A maiores, tomou " nota" das reclamacións no ámbito da simplificación da burocracia.

Dependencia, discapacitado
Dependencia, discapacitado

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta