Bugallo cre que un goberno con Vox sería "unha catástrofe nacional"

Apelou a ir votar e asegura que comprende que os cidadáns estean "frustrados e enfadados".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2019 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, considerou este venres que un goberno do Estado que estea constituído por unha forza como Vox sería "unha catástrofe nacional".

Nunha rolda de prensa ofrecida no último día da campaña electoral, Bugallo considerou que unha nova repetición sería "un desastre nacional" pero elevou a "catástrofe nacional" as consecuencias da presenza de Vox no goberno.

Na súa intervención, asegurou "comprender" que moitos cidadáns poidan estar "frustrados" ou "enfadados" pola repetición electoral e polo feito de que o seu voto o 28A non tivese "a eficacia que tiña que ter". "Pero enfadados, frustrados ou desgustados temos que votar", sinalou.

De face a esta cita coas urnas, ademais, Bugallo mostrou o seu temor a unha ampla "abstención". "Temo que varios millóns de persoas que están frustradas, que non teñen o seu voto decidido, tomen a decisión de quedar na súa casa e que, a consecuencia de todo iso, poida ser que sigamos ou nunha situación de imposibilidade de constituír un goberno ou, peor aínda, que se constitúa un que poida pór en risco o país que todos coñecemos", indicou.

"SITUACIÓN DESASTROSA"

E é que para o alcalde da capital galega "o non votar ou o votar deixándose levar exclusivamente polos sentimentos e sen ter en conta a razón pode levar a unha situación realmente desastrosa".

"Por tanto, quero pedirlle aos cidadáns de Compostela dúas cousas: a primeira, que exerzan o seu dereito de voto con absoluta liberdade e, a segunda, que reflexionen sobre o país que queren e o que queren a partir do próximo día 11 de novembro", apuntou.

Así, tras censurar propostas de Vox como a "ilegalización de partidos" independentistas ou "supresión das autonomías", Bugallo subliñou que este domingo os españois teñen unha "enorme responsabilidade". "E espero que exerzamos todos esa enorme responsabilidade", apuntou.

"XOGÁMONOS O MODELO DE SOCIEDADE"

Preguntado polas cuestións da cidade que se verán afectadas pola convocatoria electoral, o alcalde de Santiago asegurou que, "moito máis" que as cuestións "concretas", está en "xogo" o modelo de sociedade que pode "cambiar radicalmente".

Tras iso, recoñeceu que o feito de que non se puidese conformar goberno afecta a cuestións como a licitación da Ligazón Orbital, que "está aprobado desde abril", ou novos investimentos en cuestións como o AVE. "Manter esta situación moito máis tempo... xa leva sete meses, é un desastre, pero o outro sería unha catástrofe", avisou.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugura o curso político. EUROPA PRESS - Arquivo
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugura o curso político. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta