A defensa do Chicle insiste na versión de morte accidental fronte ao que considera unha "película de terror"

O acusado sostivo que non levou a Diana á nave abandonada de Asados para abusar dela e matala alí, se non para desfacerse do cadáver da nova, que xa estaba morta, tendo en conta que inicialmente quixo tiralo "á ría", pero había xente no peirao que podía velo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2019 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

Como cabía esperar, o inicio do proceso contra José Enrique Abuín Gey, alias 'O Chicle', polo asasinato de Diana Quer, arrincou nos xulgados de Santiago cargado de emotividade, de tensión e de recordo, o que os pais da moza levaron ata Fontiñas para reivindicar a memoria da súa filla fronte a un acusado que declarou tranquilo, con abundantes explicacións, e que se aferrou á versión da morte accidental fronte ao que a fiscal cualificou como unha "película de terror".

Con dúas semanas de atraso tras os incidentes na conformación do xurado popular, finalmente integrado por cinco homes e catro mulleres, o salón de vodas dos xulgados de Santiago acollía este martes a primeira das sesións programadas dentro deste mediático xuízo, polo que pasarán máis de 50 testemuñas e 40 peritos para determinar se Enrique Abuín é culpable dos delitos de asasinato, agresión sexual e detención ilegal dos que lle acusan Ministerio Público e acusación, e polos que piden a prisión permanente revisable.

Fronte a iso, a defensa, que exerce Fernanda Álvarez Pérez, da quenda de oficio, aférrase á versión de que a morte de Diana Quer foi involuntaria e accidental, cando o acusado creu que o sorprendeu roubando gasóleo nos camións das festas da Pobra e, tras collela polo pescozo, causoulle a morte. Esa foi a versión que mantivo, na súa primeira comparecencia fronte ao público, Enrique Abuín, que negou en varias ocasións que pretendese violar á nova e asegurou que estaba xa morta cando a meteu no coche.

O Chicle declarou en actitude tranquila, só un pouco afónico ao principio, e respondeu ás preguntas de todas as partes durante máis dunha hora, con excepción das que a acusación formulou en relación á agresión en Boiro ocorrida en Nadal de 2017, pola que foi condenado e que, no seu momento, desencadeou a resolución da desaparición de Diana Quer.

Nun xuízo no que, segundo a súa avogada, Abuín debe enfrontarse a unha "condena social" e a un "linchamento" público, o acusado sostivo que non levou a Diana á nave abandonada de Asados para abusar dela e matala alí, se non para desfacerse do cadáver da nova, que xa estaba morta, tendo en conta que inicialmente quixo tiralo "á ría", pero había xente no peirao que podía velo.

O acusado denunciou presións por parte dos axentes e irregularidades co seu primeiro avogado, á vez que atribuíu aos asuntos que tiña pendentes en materia de narcotráfico a reacción que, asegura, tivo esa madrugada --e que cualificou dun "erro"-- e que acabou coa morte de Diana.

O RECORDO DE DIANA QUER

Pero ademais de para escoitar as explicacións do Chicle, a primeira xornada deste proceso serviu para traer ata a sala o recordo de Diana Quer, a quen a súa nai definiu como "unha nena bondadosa" e "un anxo". Tamén o seu pai, xa desde o exterior do edificio xudicial, quixo honrar a memoria da súa filla, apelando a un "legado" que pasa por reivindicar o mantemento da prisión permanente revisable.

Tanto Juan Carlos Quer como a súa exmuller, Diana López-Pinel, declararon como testemuñas ao final da mañá, polo que non puideron estar presentes durante a declaración do Chicle. Na súa intervención, ambos describiron á moza como unha muller "moi fráxil", que non podería resistirse a un ataque deste tipo. "Como un cervo indefenso fronte a este individuo", dixo Juan Carlos.

A maiores, e visiblemente afectados, co discurso entrecortado no caso do pai e entre bágoas a nai; narraron os "devastadores" efectos que a morte de Diana tivo en toda a familia, especialmente na súa irmá Valeria, que tiña 16 anos cando desapareceu. "Non morrín de milagre, de pena", dixo Diana López Pinel, que engadiu que non desexa "a ninguén" que pase por "a dor" que tivo que experimentar a súa familia, "a peor situación que se lle pode presentar a unha nai".

Pola súa banda, Juan Carlos Quer indicou ante o xurado que este caso "deixou catro vítimas, non unha". "Deixas de traballar, deixas de vivir, vexetas, asáltante todos os temores", dixo o pai de Diana, que cualificou de "demoledores" os efectos, en particular, en Valeria. "A miña filla morreu da peor maneira que se pode imaxinar e nós vivimos en vida a maior dor que se pode imaxinar", sentenciou.

TENSIÓN

No entanto, durante esta primeira xornada vivíronse tamén escenas de tensión, en especial as protagonizadas por Diana López-Pinel. Xa de inicio, esta tensión fíxose patente co seu exmarido, co que mantén causas xudiciais abertas e co que non quixo coincidir nos corredores do edificio xudicial, polo que abandonou o recinto durante un par de horas, mentres chegaba a súa quenda de intervención. Nos recesos mantivéronse, así mesmo, afastados.

Unha vez na sala, como xa fixera fóra ante os medios de comunicación, a nai de Diana quixo deixar constancia de que chega ao xuízo polo asasinato da súa filla "en branco", dado que o letrado da acusación, que representa tamén a Juan Carlos Quer, "non entregou ningunha documentación", unha reclamación que foi cortada polo presidente do tribunal, Anxo Pantín.

Así mesmo, durante a súa declaración, Diana López-Pinel mirou en varias ocasións ao Chicle, que seguiu a intervención coa cabeza baixa e inexpresivo, e chegou a interpelalo á hora de indicar que a súa filla era "moi fráxil". "Iso saberao o asasino, verdade, chiquilín?", soltou. Finalmente, tras concluír a sesión, e cando abandonaba a sala, a muller tratou de achegarse ao autor confeso da morte da súa filla, unha interacción que impediron varias persoas presentes.

UNHA "PELÍCULA DE TERROR"

O xuízo comezou coa lectura dos escritos de acusación e defensa, aos que seguiu unha intervención das partes para realizar as súas alegacións iniciais fronte ao xurado popular, que se estreou no seu labor.

Durante esta primeira intervención, Ministerio Público e acusación particular incidiron no seu relato dos feitos, que pasa polo secuestro, violación e asasinato de Diana nunha nave abandonada de Asados, mentres que a defensa asegurou que non existen "probas" diso e apelou ás "garantías" procesuais.

Así, a fiscal fixo ante os presentes o relato do que, segundo a súa opinión, ocorreu aquel 22 de agosto e que cualificou como "un escenario propio dunha película de terror", mentres que a acusación viu un "feito irrefutable" o que se trata de "un crime sexual", peza crave para que Enrique Abuín poida ser condenado a prisión permanente revisable.

Pola súa banda, a avogada do Chicle pediu ao xurado que tome as súas decisións "en virtude das probas" e de forma "racional", para "extremar as garantías constitucionais", algo que "non se fixo" neste caso por ser "extremadamente mediático". "Sementouse unha percepción social de que O Chicle é un depredador sexual", dixo a letrada, que negou este extremo. "O Chicle non asexou a Diana Quer, non meteu viva no seu vehículo a Diana Quer, non asasinou a Diana Quer na nave de Asados... e proba diso é que non hai probas obxectivas, dixo a letrada.

As sesións renovaranse este mércores, a partir das 9,30 horas, nunha xornada na que están citados cinco familiares de Enrique Abuín e catro testemuñas doutros comportamentos do acusado.

O acusado polo presunto  asasinato de Diana Quer, José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle, momentos antes de empezar o xuízo, en Santiago de Compostela /Galicia (España), a 12 de novembro de 2019.. Álvaro Ballesteros - Europa Press / Europa Press
O acusado polo presunto asasinato de Diana Quer, José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle, momentos antes de empezar o xuízo, en Santiago de Compostela /Galicia (España), a 12 de novembro de 2019.. Álvaro Ballesteros - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta