No pasado, onde había algo novo baixo o sol (ou iso quíxose pensar), a xente encontraba nos políticos espellos onde construír a súa figura. Eran tempos de cambio coa transición, tempos de proxectos comúns coa adhesión á Unión Europea. A crise cambiou os nosos principios, evolucionando dende a admiración, á indiferenza, para chegar ao punto actual, a desafección. Hoxe, os políticos non están entre as solucións, son percibidos como o terceiro problema de España.
Se hai que buscar culpables, é evidente que eles mesmos son os máximos responsables. Os casos de corrupción son tantos que se perdeu a perspectiva das cifras. Non son achacables a un partido político ao que deixar de apoiar, desenvólvense no seo de calquera organización que ten acceso ao poder como ONG ´ s, institucións públicas, asociacións... Pero hai un matiz, unha máxima recordar: os delitos aplícanse aos individuos, non aos partidos. É o individuo o que se deixa comprar para aumentar o seu patrimonio, é o individuo o que dá prebendas para lograr a posteriori un posto laboral deseñado á súa medida, e é o individuo o que malgasta o público porque lle é alleo. Por iso hai que subliñar que é unha persoa concreta a que realiza os actos punibles, non os políticos como colectivo cuxo único poder é o que lle transfire a cidadanía, e evidentemente, ningún cliente comprará as mensaxes de organizacións delincuentes.
O delito e deshonestidade dos que usan siglas comúns no seu beneficio, non foron as únicas causas da desafección cidadá ante os políticos. A falta de respostas ante os incitantes problemas económicos afasta o representante do representado. Os políticos móstranse incapaces de desempeñar o seu traballo converténdose en meras comparsas do gran poder económico ou da ditatorial Europa. Así, a misión dun político pasa a ser a de imaxinar escusas inverosímiles durante tres anos e medio, e prometer o imposible durante os seis meses que precedan ás eleccións. A man invisible reguladora do mercado, só regula a política.
Non obstante, e sen contrariedade co anterior, unha análise completa non pode obviar o papel dos medios de comunicación, responsables da concepción do político e da política como algo deshonesto, interesado e maquiavélico. As noticias morbosas sobre posibles delitos relacionados coa corrupción política preséntanse cunha vehemencia estridente, con programas especiais e maratonianos; bailan as cifras, os gráficos, as porcentaxes.... Non obstante, se se demostra a inocencia, ningún medio recuará intentando restituír a imaxe danada da persoa. Esta moda informativa non busca xerar opinión crítica, nin sequera informar. Os medios son empresas privadas cuxo ideal é ser vehículos da publicidade; ergo firmas privadas sen máis. Cando a verdade se prostitúe, a realidade se deforma e a imaxe proxectada non é difusa, senón unha falacia.
Pero máis alá de Alemaña e o seu xoguete europeo, máis alá dos grandes pactos de Estado, máis alá dos políticos creados a través do marketing, hai uns profesionais da política que fixeron da súa vocación, o seu medio de vida. Os políticos da maioría de concellos, expoñen a súa imaxe, dan o seu tempo a intentar conseguir para os seus veciños un pediatra, unha recollida de lixos eficiente ou simplemente, intentan facer algo máis atractivo para os mozos os seus municipios, para loitar contra o despoboamento. Esta é a verdadeira política, a municipal, e é a que hai que rescatar, a que merece ser elevada. Recuperando os clásicos, a virtude só se alcanza participando da cousa pública.
Polo tanto, elevemos o punto de mira para facer xuízos que traspasen o morboso e prostituído da información. Como en todo, a xeneralización, só deforma a realidade. Se falamos de políticos como corruptos estaremos a afirmar a corrupción dos cidadáns. Esquecemos doadamente o traballo que hai detrás e o verdadeiro sentido da política: a busca do ben común.