Común da Esquerda pide dimisións na Xunta por desvelar datos privados dunha enfermeira nun programa de televisión

Tamén o BNG reclama unha "terceira ambulancia medicalizada" no Deza e denuncia que "os recortes en sanidade matan".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2019 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

O Grupo Común da Esquerda reclamou este mércores a "dimisión dentro da Consellería de Sanidade" pola "revelación de datos persoais dunha traballadora nun programa de televisión para tentar denigrala".

En concreto, a deputada Eva Solla acusou ao Goberno Galego de facilitar datos persoais a unha cadea de televisión privada sobre unha enfermeira eventual galega que xuntou 400 contratos en 14 anos e denunciouno ante os medios.

Ao seu xuízo, esta situación merece que o xerente do Sergas ou a directora de Recursos Humanos do organismo "dimitan" por esa revelación. Ademais, denunciou que as condicións laborais desa enfermeira e de todo o servizo sanitario galego en xeral está marcado "pola precariedade".

Enfermeiras Eventuais en Loita.
Enfermeiras Eventuais en Loita.

Por este motivo, o grupo presentou unha Proposición Non de Lei (PNL) para negociar un plan de estabilidade laboral que acabe coa "concatenación de contratos laborais" que van en contra da conciliación e os dereitos dos traballadores. Unha proposta que finalmente non saíu adiante pola oposición dos deputados do PP.

AMBULANCIA

Por outra banda, o deputado no Parlamento de Galicia, Luís Bará (BNG), trasladou á Cámara a necesidade de implantar unha "terceira ambulancia medicalizada" na comarca do Deza, que poida resolver o "gravísimo problema" de "discriminación" que sofre o territorio pontevedrés.

"Os recortes en sanidade matan e as mentiras degradan a Democracia, a este Parlamento e a quen xoga así coa vida das persoas", espetou Bará na Proposta Non de Lei (PNL) que presentou este mércores no Pazo do Hórreo.

Os vehículos de soporte vital avanzado atópanse en Silleda e en Lalín, pero deben cubrir unha gran extensión de territorio que imposibilita ás ambulancias cumprir cos 20 minutos de espera, engadiu o deputado.

Neste sentido, o grupo popular argumentou que o número de vehículos para o transporte de urxencias desígnase segundo os tempos de asistencia, os cambios demográficos e os servizos existentes. Achegou cifras respecto das asistencias diarias das ambulancias de Lalín e de Silleda, seis e cinco respectivamente. En Dozón, en 2018 houbo 69 asistencias e en 2019, 57

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta