Señor alcalde, a secas

«Á xente que manda hai que pedirlle permiso para rir, se é para rirse deles. E aínda así, cómpre saber rir. Calcular o peso e a extensión do riso». (Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, Manuel Rivas)

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 13/11/2019

Comparte esta noticia
Señor Alcalde de Ourense, a secas. Digo “a secas” porque, rebulindo na tulla das miñas querenzas e rebuscando nos manuais da galantería, non dei encontrado outro tratamento do que vostede puidese ser merecente. Talvez porque das promesas e actitudes anteriores á súa ocupación da alcaldía, só podo lembrar as denuncias reviradas contra os que daquela lles tocaba gobernar. Iso si, denuncias que se tiveron algún percorrido tamén foi mercé á inestimábel axuda dos que manexan a edición de tapa dura do Código Penal.
 
Comezarei por dicirlle que se o seu proxecto de cidade consiste en construír o rañaceos máis grande de España, crendo que desde un tellado tan alto poderá mexar cara a onde lle pete, é moito mellor que siga arremedando o seu correlixionario de Vigo: luces do Nadal, espantada dos plenos, renegar do galego, ... 
 
A propósito dese rancor que vostede lle profesa ao idioma galego –que é polo que lle escribo– direille que hai dous tipos de galegofobia. O conformado polos do autoodio militante, ao que pertencen os que teñen unha actitude espantadiza e porfiona contra o galego, verbigratia con traducións innecesarias ao castrapo: «¿Que te pongo, chico?» «Un café con leite.» «¿Un cafeíto con leche?» «Non señor, un café con leite.» «¡Pues eso, joder, un café con leche!» E é aí, contra o final da porfía cando o fulano do bar –ou o seu alter ego, señor alcalde– se alporiza pretendendo que o cliente marche imbuído por certo complexo de maleducado. O segundo tipo, que vostede representa á perfección, é o dos que azacotan o autoodio renegante que no caso de cargos públicos se transforma en autoodio irreverente: «Hablo en español, porque me entienden mejor.» «¡A ver si tenemos educación, carallo!» «Para hablarlo mal, prefiero expresarme en castellano.» Aquí sobran todos os comentarios.
 
Mire, señor alcalde “a secas”, por min pode falar en esperanto ou en chinés mandarín se lle peta mais non debería esquecer que, a respecto do galego, non só ten o deber de respectalo senón o de fomentalo e protexelo, gústelle ou non, aínda que só sexa por imperativo legal (Estatuto de Autonomía de Galicia, artigo 5). Mais xa sabemos que neste Estado hai leis que están aí para estamparllas na cara a algúns cidadáns e outras que só serven para tinguir de negro as páxinas da Gaceta de Madrid.
 
Malia todo, voulle dar un consello: fale galego, ho! E así mata tres paxaros dun tiro sen gastar unha onza de munición: cumpre coa lei, deixa de encabrearnos a uns cantos e evita que entre todos lle teñamos que pagar un avogado, ante a posíbel denuncia por plaxio do tal Abel Caballero. Mais se persiste en seguir expresándose en español, aplíquese algo, por amor de Deus!, pois abofé que non o fala nada ben.
 
Ah! Menos mal que aquí na Pampa amórnanos a pel a temperanza da primavera, porque dese tedio outonizo que vostede lle ofrece cada día á nosa cidade –tan miña como súa mal que lle pese– a min só me estimulan as tonalidades da paisaxe. O demais aí lle queda para que o engulipe todo. Se lle peta, claro! 
 
Dios guarde a V.I. muchos años. Lisardo Quintas Teixeira.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha entrevista con Europa Press.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha entrevista con Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Secretario-interventor de Administración Local xubilado. Foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da FEGAMP (Fedreación Galega de Municipios e Provincias) e Delegado da Consellería de Industria de Ourense no goberno do bipartito. Militou no BNG e en CxG. Hoxe en día non ten afiliación política. Na actualidade dedícase á actividades culturais, especialmente a través do Museo da Limia, no que desempeña o posto de Coordinador do seu Padroado.