A Xunta deseña un plan xeográfico que "unha toda a información" do territorio de Galicia

Trátase dunha "ferramenta transversal" do Instituto de Estudos do Territorio que "simplificará" a xestión a distintas administracións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2019 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estima que o próximo ano estará terminado o primeiro plan galego de cartografía e información xeográfica, unha "ferramenta transversal" que manteña "unida toda a información sobre o territorio" de Galicia para "simplificar" a súa xestión.

A conselleira do ramo, Ángeles Vázquez, presidiu este luns a reunión da Comisión de Coordinación de Información Xeográfica e Cartográfica, na sede do Consello Económico e Social (CES), en Santiago. Este órgano aprobou o borrador dun plan que proximamente se abrirá a consulta doutros departamentos da Xunta e dos concellos, para despois someterse a información pública.

En declaracións aos medios minutos antes da reunión, Vázquez valorou o "fundamental" que é dispor de "toda a información" sobre o terreo unida: "Primeiro, para a planificación e a xestión do territorio en si. Segundo, porque camiñamos cara a unha simplificación".

Este proxecto no que traballan 28 técnicos desde hai ano e medio permitirá, segundo a conselleira, un "transvase de información non só entre distintos departamentos da Xunta", senón tamén "a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a través das deputacións".

Así, tendo en conta os trámites pendentes e que o documento definitivo debe volver pasar pola Comisión de Información Xeográfica e Cartográfica, a previsión é que o Goberno galego o aprobe de forma definitiva en 2020.

FOTOGRAFÍAS AÉREAS COMO "INFORMACIÓN OFICIAL"

Ademais, a reunión deste luns avaliou un informe sobre o desenvolvemento en Galicia do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA), un visor que ofrecerá fotografías e información que funcionen como "información oficial" que os concellos poderían utilizar para elaborar os seus plans xerais de ordenación municipal (PXOM) e os plans básicos municipais, entre outros que mencionou a conselleira.

Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que foron convenios asinados cos consistorios de Cambre, Carballo, Oleiros, Lugo, Sanxenxo, Pontevedra, Ames, Teo, Betanzos e Fene os que permiten dispor de imaxes "con última tecnoloxía e alta resolución" do territorio.

De feito, explicou na comisión que a Xunta negocia actualmente co Estado unha proposta para levar a cabo, en colaboración co IGN, un novo voo para sacar ortofotos de toda Galicia de aquí ao 2020.

Todas estas actuacións contribúen, segundo as súas palabras, a dispor de información "real, veraz e simple" sobre o terreo que axude á "toma de decisións" como a planificación ante un incendio forestal, a implantación de empresas e a redacción dos plans municipais, entre outras utilidades.

Alfonso Rueda e  Ángeles Vázquez, na rolda de prensa do Consello
Alfonso Rueda e Ángeles Vázquez, na rolda de prensa do Consello

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta