Feijóo rexeita "pactos ultras" e "leccións" sobre como "protexer as nosas mulleres, fillas e nais"

"Non me gustan os ultras nin de extrema dereita nin de extrema esquerda", dixo o presidente antes de advertir que, precisamente por iso, non lle gusta o "disparate" do pacto do PSOE con Podemos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2019 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

O debate sobre os pactos en clave estatal despois das eleccións xerais coouse este mércores nunha sesión de control marcada pola proximidade do 25N no que o Grupo Común da Esquerda e BNG preguntaron por igualdade ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, quen renegou de "pactos ultra" e defendeu o seu compromiso na loita contra a violencia machista cun aviso aos seus rivais: "Leccións de protexer ás nosas mulleres, fillas e nais, ningunha".

Proclamouno no debate coa líder do Bloque, Ana Pontón, a quen previamente o presidente acusou de "politizar" a violencia machista, un paso que lamentou "en nome de todas as mulleres galegas". A dirixente nacionalista, pola súa banda, censurou a súa actitude e advertiuno que as mulleres falan por si mesmas e "non teñen dono", ademais de afearlle os pactos dos populares con Vox noutras zonas de España.

Tamén Antón Sánchez (Común da Esquerda) afeou estes pactos ao xefe do Executivo autonómico, que optou por rexeitar todo tipo de acordos "ultra". "Non me gustan os ultras nin de extrema dereita nin de extrema esquerda", replicou Feijóo, antes de advertir que, precisamente por iso, non lle gusta o "disparate" do pacto do PSOE con Podemos.

De feito, defendeu que o Partido Comunista tradicional era "máis sensato" e "máis coherente" que Podemos e "a miscelánea" que conforman os rupturistas. Ao seu modo de ver, era "máis igualitario" e "tiña moi claro que España era unha nación e merece a protección de todos os españois". Ademais, incidiu en que estaba "a favor da Constitución".

"Ese é o Partido Comunista que botamos de menos", proclamou Feijóo, antes de incidir en que, pola súa banda, garante o seu compromiso político coas mulleres que sofren violencia de xénero ou desigualdade salarial ou laboral "sen formulacións ultra" nin "pactos ultra" como os que atribuíu aos socialistas con Podemos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entra no hemicilo do Parlamento de Galicia. XUNTA - Arquivo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entra no hemicilo do Parlamento de Galicia. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta