O profesorado galego toma as rúas para esixir a redución do horario lectivo

Decenas de docentes concéntranse nas sete cidades galegas para reclamar a reversión dos recortes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2019 | Actualizada ás 21:02

Comparte esta noticia

O camiño cara á folga de profesores de decembro continúa o seu curso. Decenas de docentes tomaron as rúas das sete cidades galegas como parte da súa campaña de protestas para esixir á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a redución do seu horario lectivo e así volver ao anterior aos "recortes" no ensino.

O profesorado galego toma as rúas para esixir a redución do horario lectivo
O profesorado galego toma as rúas para esixir a redución do horario lectivo | Fonte: CCOO-Ensino.

As mobilizacións están impulsadas desde a unidade sindical, por parte das organizacións que forman parte da mesa sectorial de Educación (CIG-Ensino, CC.OO. Ensino, FeSP-UGT e ANPE), STEG e CSIF. Estes sindicatos pactaron unha serie de accións para denunciar a "falta de negociación" por parte da Xunta para recuperar este dereito perdido.

O Goberno de Alberto Núñez Feijóo, como fixo o PP no Estado ao ano seguinte, implantou a partir de 2011 unha ampliación do horario lectivo dos docentes que supuxo o paso de 21 a 25 horas en primaria e de 18 a 20 en secundaria. Isto levou, segundo denunciaron, a unha serie de recortes nos persoais docentes e a imposibilidade de realizar desdobres nas aulas.

'21 en primaria e 18 en secundaria' foi a consigna principal dos docentes concentrados na Praza do Toural compostelá, que se agruparon tras unha pancarta na que se lía 'Recuperemos o noso horario'.

Alí, tres profesores leron un manifesto no que criticaron que a perda de prazas e os recortes orzamentarios levaron a unha "perda da calidade" do ensino, que marcou "a última década" do sistema educativo.

Así mesmo, denunciaron a "negación da negociación" por parte dos responsables da Xunta, e que levou aos docentes a emprender estas mobilizacións para tentar recuperar un horario, como están a facer outras comunidades autónomas .

INVASIÓN DE COMPETENCIAS

Tamén recriminaron que o Goberno estatal do PP invadiu "por primeira vez desde a Transición" as competencias autonómicas, ao impor desde 2012 esta medida en todo o territorio estal e "aplicar a tesoira con contundencia".

"Non pedimos traballar menos, senón traballar mellor", puntualizaron, para esixir unha vez máis "recuperar o que se lle foi arrebatado" nun proceso de ensino-aprendizaxe "cada vez máis complexo".

A escena repetíase á mesma hora (19,30) noutro seis cidades, como parte dunha campaña de protestas que desembocará o 21 de decembro nunha folga de profesores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta