Publicadas as convocatorias para cubrir 439 prazas de persoal administrativo da Xunta

O Sergas publica a composición dos tribunais da OPE de diversas categorías de persoal estatutario.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2019 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns catro convocatorias de procesos selectivos para cubrir 439 prazas de persoal administrativo en distintas áreas da Administración galega. Todas son de libre acceso e forman parte das 1.161 vacantes anunciadas en outubro.

Nun comunicado, a Consellería de Facenda explicou que as convocatorias que se publican este luns inclúen procesos selectivos para reforzar os distintos centros e servizos da Administración autonómica.

En concreto, publícanse para cubrir 91 vacantes para o corpo administrativo (C1) da Administración xeral e 320 prazas no corpo de auxiliar (C2), o que supón multiplicar por seis a convocatoria do ano pasado. Ademais, convócanse seis para o grupo III do persoal fixo e outras 22 para o grupo IV tamén de persoal laboral fixo.

O sistema selectivo será o de concurso oposición, tal e como se recolle nos acordos de estabilización asinados entre a Administración galega e as organizacións sindicais. Os primeiros exercicios dos procesos selectivos de persoal funcionario serán simultáneos e coincidentes cos do persoal laboral.

Todas as convocatorias inclúen as normas xerais, os requisitos que deben ter as persoas que queren inscribirse nas probas, os exercicios a realizar e os programas que rexerán os distintos procesos selectivos. Posteriormente, a Xunta publicará a lista de persoas admitidas e excluídas de cada convocatoria.

Ademais, a Xunta explicou que a Administración autonómica e os sindicatos continúan negociando as convocatorias de promoción interna para estes corpos e escalas.

O prazo de inscrición abre este martes, día 26 de novembro, e termina o próximo 26 de decembro. Así, as persoas interesadas en participar terán 20 días hábiles para facelo constar no modelo de solicitude que se facilita en Internet, e abonar a taxa que estea vixente no momento de presentala.

OPE NO SERGAS

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia (DOG) tamén publica este luns as resolucións cos nomeamentos dos membros dos tribunais cualificadores do concurso oposición de diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Segundo explicou a Consellería de Sanidade nun comunicado, na determinación da composición dos tribunais respectáronse os principios de profesionalidade dos seus membros establecidos pola normativa vixente, así como os criterios de designación elaborados pola a Comisión Técnica de Mellora dos procesos selectivos aprobados pola Mesa Sectorial de Negociación. Estes criterios están publicados na páxina web do Sergas.

Sanidade lembrou que se ofertan un total de 1.492 prazas, das que 254 son para médicos de familia e 93 para pediatras de atención primaria. Está previsto que os exercicios da fase de oposición desenvólvanse durante o primeiro trimestre do próximo ano.

Exame oposición para celador do Sergas da Xunta de Galicia, no recinto feiral de Silleda. XUNTA DE GALICIA - Arquivo
Exame oposición para celador do Sergas da Xunta de Galicia, no recinto feiral de Silleda. XUNTA DE GALICIA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta