A Xunta destaca a caída nas denuncias por venda de alcol e tabaco a menores desde o inicio das inspeccións

A Policía Autonómica despregará un operativo especial con motivo das festas do Nadal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2019 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

O número de denuncias a establecementos por venda de alcol e tabaco a menores de idade descendeu desde o ano 2016, cando a Policía Autonómica iniciou as súas inspeccións para velar polo cumprimento da lei.

Así o destacou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, durante a súa comparecencia na Cámara para responder a unha pregunta formulada polo Grupo Popular na Comisión 1ª, celebrada este mércores.

O número de denuncias tamén caeu no referente ao consumo de alcol e tabaco entre os menores de idade. Das 271 actas levantadas en 2016 polos axentes da Policía adscrita á Comunidade autónoma por consumo de alcol pasouse ás 80 rexistradas este ano ata o 15 de novembro.

Villanueva ve neste descenso a efectividade das inspeccións que realizan cada semana a Policía Autonómica, que se encargan de supervisar establecementos, locais de lecer nocturno e espazos nos que se concentran menores.

Estas tarefas de vixilancia refórzanse durante datas sinaladas, como o nadal, ou en festas e eventos especiais. Deste xeito, a Policía Autonómica despregará un operativo especial nas próximas datas do Nadal para velar polo cumprimento da lei.

DATOS 2019

Segundo os datos ofrecidos polo responsable de Emerxencias e Interior este mércores, no que vai de ano realizáronse 5.119 inspeccións en establecementos. Delas, 860 producíronse en salas de apostas e xogo, que contan, en gran medida, con cafetarías e bares no seu interior. Nestes negocios tramitáronse un total de 320 denuncias, a maior parte (218) por venda e consumo de alcol.

Ademais, a Policía Autonómica tamén persegue "a venda a baixos prezos que inciten ao consumo" e "a ausencia de carteis visibles" que recollan a prohibición de dispensar alcol e tabaco aos menores de idade, segundo apuntou Villanueva.

Consumo de alcol entre adolescentes
Consumo de alcol entre adolescentes | Fonte: Pixabay.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta