Ethel Vázquez defende a nova estación de buses de Ourense: "Ten un encaixe perfecto"

A Xunta prevé a finalización da nova estación de autobuses integrada na intermodal e o aparcadoiro subterráneo para o verán de 2020.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2019 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, insistiu en que a nova estación de autobuses de Ourense integrada na intermodal é "unha intervención urbana cun encaixe perfecto avalado polos técnicos".

Así o manifestou este mércores durante a supervisión das obras na cidade das Burgas ás críticas do PSOE que apuntan cara aos inconvenientes da proximidade do centro de saúde do barrio da Ponche. "A mellor intermodal para unha cidade é a que se pode facer e nós estamos a construír unha nova terminal para que no verán de 2020 poidamos facer cidade e aproveitar a chegada do AVE", sinalou Ethel Vázquez.

Neste contexto, a conselleira lembrou ao PSOE de Ourense que "a Xunta de Galicia está a realizar a intermodal na cidade de acordo co PSOE do goberno de España". "Aquí estamos para construír e non para destruír", insistiu.

Ademais, lembroulle aos socialistas ourensáns que "están na oposición" e lamentou o que cualificou de "espectáculos de baixa equitación" que o PSOE organiza para mostrar o seu rexeitamento á localización da nova estación de autobuses.

Ademais, pediulles que "deixen traballar ao equipo multidisciplinar de profesionais que coñecen perfectamente cales son todas as medidas de protección arquitectónica, acústica e urbana que se deben pór en práctica".

CRÍTICAS DO PSOE

Pola súa banda, o PSOE denunciou este mércores a "perigosa" localización do "alpendre electoralista", termo co que se referiron á nova estación de autobuses, que se situará nas inmediacións do centro de saúde do barrio da Ponche.

"O PP non só vende fume, senón que agora trae fume para deixalo para sempre xunto a un centro de saúde para que os veciños se intoxiquen a pesar de térselles ofrecido alternativas", criticou o portavoz socialista no Concello de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino.

Neste contexto, os socialistas explicaron que ofreceron á Xunta unha alternativa que permitiría situar a estación noutro espazo do complexo ferroviario sen disparar os custos, en terreros do propio Adif. Unha proposta que, segundo os socialistas, foi "desprezada" pola conselleira que "nin sequera respondeu as solicitudes de entrevista do PSOE para tratar ese posible cambio de localización".

A concelleira socialista, Natalia González, insistiu en que falaron con COAG e Adif, entre outros, e "ningún cre que este sexa o mellor proxecto para a cidade".

PRAZOS

En canto aos prazos, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade explicou que se prevé que a estación de autobuses e o aparcadoiro subterráneo se atopen finalizados no verán de 2020.

A Xunta de Galicia dixo non ter coñecemento, polo momento, dos prazos do resto das fases da estación intermodal como son a parte ferroviaria, a integración urbana e o viario que conectará o tráfico rodado entre ambos os barrios, correspondentes ao Ministerio de Fomento e a Adif.

REUNIÓN CONCELLO E AXI

Por outra banda, este mércores tamén se levou a cabo unha reunión entre o concelleiro de Infraestruturas do Concello de Ourense, Miguel Caride, e o director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

Durante o encontro abordáronse "actuacións moi necesarias para a cidade", segundo cualificounas Caride, tales como a actuación prevista na rúa Marcelo Macías, cun investimento de máis de 1,5 millóns de euros.

Así mesmo, Caride fixo especial fincapé na "boa sintonía" respecto da posta en marcha da reforma da rúa Concordia, previa peonalización, e a instalación de elementos mecánicos para favorecer os desprazamentos desde Progreso ata a zona de San Francisco.

Visita de Ethel Vázquez a Ourense
Visita de Ethel Vázquez a Ourense | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta