Premios da galego-lusofonía para Tanxugueiras, Os Azeitunas, Susana Sánchez Aríns e Marta Chaves

aRi[t]mar celebra este mércores a súa gala para reafirmar os estreitos lazos entre Galicia e Portugal e, por extensión, coa lusofonía.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/12/2019 | Actualizada ás 19:45

Comparte esta noticia

Os perto de cinco mil votos do público emitidos no certame aRi[t]mar promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela determinaron que as artistas gañadores polo mellor tema musical publicado en Galiza e en Portugal en 2018 son as Tanxugueiras, con 'Quen non mo neguen', e Os Azeitonas, con 'Efeito do Observador'. Estes premios, xunto cos de poesía, e o do embaixada da amizade, entregaranse a artistas e poetas gañadoras na gala aRi[t]mar 2019.

Presentación da gala aRi[t]mar 2019
Presentación da gala aRi[t]mar 2019 | Fonte: Foto aRi[t]mar

No apartado de poesía, as gañadoras foron a galega Susana Sánchez Arins, polo poema “e isso é o amor” (Tu contas e eu conto, Através Editora, 2018), e a portuguesa Marta Chaves, por “FACHADA” (Varanda de Inverno, Assírio e Alvim, 2018). Os poemas foron escollidos por votación popular online aberta a todo o público galego e portugués.

O xurado do certame aRi[t]mar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela decidiu conceder o Premio aRi[t]mar especial do xurado “Embaixada da Amizade galego-lusófona” á cantora galega Uxía.

Todos e todas as gañadoras do certame aRi[t]mar, promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, estarán este mércores 4 de decembro ás 21:00 h. no Auditorio de Galicia, ademais da actuación Carlos Blanco.

REAFIRMAR A LIGAZÓN ENTRE GALICIA E PORTUGAL

Na rolda de prensa de presentación do evento, Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural destacou que o Concello de Santiago de Compostela colabora con esta iniciativa “que une o didáctico co cultural e que nos permite reafirmar os estreitos lazos entre Galicia e Portugal e, por extensión, coa lusofonía”. Destacou o interese pola lingua portuguesa na Escola Oficial de Idiomas “onde este certame vai ter un efecto motivador para a súa aprendizaxe”.

Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas, sinalou que este certame “é a cereixa no topo do bolo, como din en Portugal, pois é o final dun ano lectivo en que se desenvolve un proxecto didáctico e pedagóxico nas aulas de galego e de portugués”. “Naceu para iso, mais agora é un dos festivais de referencia de todo o país e mesmo de Portugal coa singularidade de que son os únicos premios en Galiza que se escollen por votación popular”, engadiu.

Xosé Lago, subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza, afirmou que “a cooperación cultural é unha das áreas máis visibles para integración de Galicia e o norte de Portugal”. Nesa liña, esta iniciativa de aRi[t]mar “fai moito pola integración da cultura, da música e da poesía galega e portuguesa, porque cremos é unha das mellores vías para que se integren a cidadanía galega e portuguesa é a través da fala e da música”.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, sinalou que aRi[t]mar é “un escaparate magnífico para visibilizar e dar eco a multitude de voces que poñen en evidencia algo que nos vén dado por herdanza cultural e secular que é a posibilidade da lingua galega e de Portugal e da lusofonía no seu conxunto”.

“Isto encauzámolo en 2014 coa Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Valentín Paz Andrade, e a partir de aí lográronse dous feitos importantes como é a instauración do portugués como segunda lingua no sistema galego educativo, que leva a que máis de 3.000 alumnos e alumnas estuden portugués en secundaria en máis de 65 centros; e tamén a colaboración entre a CTVG e a RTP”, explicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta