Feijóo bótalle a culpa do peche do paritorio de Verín aos médicos

"Se nos médicos nos mandan, nós obedecemos", asegura o presidente da Xunta. Pola súa banda, o Defensor do Paciente pide á Fiscalía que interveña no caso e o Partido Popular, Ciudadanos e Democracia Ourensana instan á Consellería de Sanidade a que "manteñan e melloren" os servizos. No propio Hospital mantéñense encerrados decenas de veciños e veciñas.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 03/12/2019 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantén o aval ao peche do paritorio de Verín e reafirmouse en que o paso se dá por razóns de "seguridade" e atendendo ao criterio dos profesionais sanitarios da área. "Se os médicos nos mandan, nós obedecemos", proclamou.

En declaracións aos medios, Feijóo defendeu que, do mesmo xeito que o xefe de Pediatría da área de saúde de Ourense, o xefe do servizo de Obstetricia pronunciouse "por distintas canles e medios" de forma reiterada para "dicir moi claramente" que "por razóns de seguridade" recomenda que os partos "non se atendan nese hospital".

"Que as consultas ordinarias de xinecoloxía para mulleres que estean ou non embarazadas, as previas e posteriores ao embarazo, se sigan facendo en Verín, pero o acto concreto do parto propón que se faga no paritorio de Ourense", subliñou, antes de proclamar que, ao seu xuízo, "os médicos saben máis que os políticos".

"E cando un político non quere escoitar as propostas dos médicos, ese político está a xogar coa sanidade. E creo que xogar coa saúde e seguridade das embarazadas e os seus bebés é algo que un político non ten lexitimidade para facer", advertiu. Preguntado sobre da mensaxe que lanzaría o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para xustificar o peche do paritorio acerca de que "un parto non é un infarto", o presidente galego evitou pronunciarse respecto diso.

Si se manifestou despois de ser cuestionado sobre se esta medida non vai en contra da aposta polo rural que reivindica a Xunta. "Ao contrario, a xente ten que vivir no rural de forma segura. Temos que dar medicamento no rural de forma segura", insistiu. Ao tempo, aludiu ao argumento da perda de práctica clínica ante a baixada da natalidade na zona.

"Cando os partos están a baixar de forma constante e continua, os médicos entenden que iso xa non é seguro. Se os médicos nos mandan, nós obedecemos", esgrimiu, antes de aludir á conveniencia de que os nacementos se produzan en hospitais con UCI de neonatos e con máis práctica na atención de partos. "Isto xa o fixo (a localidade portuguesa de) Chaves e nós seguimos a recomendación de pediatras e xinecólogos de Ourense", resolveu.

Peche no Hospital de Verín polo peche do paritorio.
Peche no Hospital de Verín polo peche do paritorio.

DEFENSOR DO PACIENTE

A Asociación O Defensor do Paciente pide á Fiscalía de Galicia que interveña tras a decisión da Consellería de Sanidade de pechar o paritorio de Verín polo "perigo" que supón para as embarazadas.

Así, nun escrito dirixido pola presidenta do Defensor do Paciente, Carmen Flores, ao fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, a asociación advirte de que esta decisión "pon en risco a integridade física das parturentas" e supón "perigo para os bebés".

"A decisión de ter que trasladar ás parturentas a 100 quilómetros é un grave risco, como dicimos, que pode levar graves secuelas para nais e bebés", subliña esta asociación na misiva remitida a Fiscalía, recollida por Europa Press.

Por todo iso, solicitan por parte desta entidade ao fiscal superior de Galicia "a súa intervención". "Insistimos en que esta decisión incomprensible pon en perigo a esta parte da cidadanía como son as embarazadas", conclúe a asociación.

PP, CIUDADANOS E DO

O Partido Popular, Ciudadanos e Democracia Ourensana instaron á Consellería de Sanidade a que "manteña e mellore" os servizos que se prestan no Hospital de Verín e pediron a reprobación do portavoz socialista en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, ao que acusan de practicar a "manipulación, mentira e insulto" sobre o peche do paritorio neste centro.

Nunha moción presentada para o seu debate no pleno da Deputación ourensá, as tres formacións lembran que a "adecuada asistencia sanitaria" é un dos "servizos esenciais" que deben ser defendidos para que os veciños do rural ourensán "teñan garantida a mesma atención que os habitantes da capital".

"Con independencia dos criterios técnicos e científicos defendidos por profesionais da sanidade, o anunciado peche do paritorio do hospital comarcal de Verín non contribúe a garantir a igualdade de oportunidades e gozar dos servizos que a poboación demanda para unha digna calidade de vida nas comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras", sinala a moción.

Ademais, o texto considera que "unha cuestión tan sensible para os veciños como a sanidade non pode ser utilizada, e baixo ningún concepto manipulada, para obter réditos políticos por parte daquelas formacións ás que a cidadanía non lle outorgou a súa confianza para gobernar".

Neste sentido, cargan contra Rafael Rodríguez Villarino ao que atribúen a "máis absoluta falta de ética e principios" por "non dubidar en buscar uns fins partidistas manipulando, falseando e mentindo no contexto dunha reivindicación social".

ACORDOS

Por todo iso, o PP, Ciudadanos e DO pide á Consellería de Sandiade que "dote, manteña e mellore os servizos que viñan prestando" no Hospital de Verín para "garantir a calidade asistencial" dos veciños no oriente ourensán, concretamente "o servizo de paritorio".

Ademais, piden a reprobación de Villarino pola súa "despreciable política de manipulación, mentira e insulto" e o "rechazable rédito político que está a buscar cun tema de tanta sensibilidade social como o peche do paritorio" deste centro.

Tras iso, propoñen que se dea traslado destes acordos á presidencia da Xunta, á Consellería de Sandiade, á dirección do Sergas, á xerencia do CHUO, aos profesionais sanitarios, así como aos concellos e partidos políticos con representación municipal e axentes sociais e económicos das zonas afectadas.

CONTINÚA O PECHE

Decenas de traballadores e veciños de Verín mantéñense encerrados no Hospital de Verín, á espera de que a asemblea prevista para as 14,00 horas pola comisión delegada determine as medidas que se tomarán a partir de agora. O peche continuou ao longo da noite deste luns.

Esta mañá de martes o xerente do Hospital de Verín, Miguel Abad, trasladoulle aos concentrados que, de manterse os cánticos e actitudes reivindicativas producidos durante este luns, veríase na obrigación de ordenar o desaloxo dos participantes.

O encontro co xerente foi un momento tenso, no que se ouviron berros dos presentes como "isto é unha vergoña". Unha muller trasladou a Abad que "se realmente entendese o sentir común", estaría do seu lado. "Pretendedes que nos sentemos nunha cadeira e deixemos que isto todo pase e vaia a máis mentres nos imos para Ourense?", cuestionou outra dos presentes durante o diálogo con Miguel Abad.

Tamén se escoitaron críticas contra o xerente por parte de persoas que pediron a súa "dimisión" por "defender o indefendible".  Así as cousas, despois deste encontro, a xornada continuou cun ton menos caldeado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta