Enterran simbolicamente o paridoiro de Verín e invocan a súa "resurrección"

A singular comitiva estivo encabezada por un coche fúnebre que portaba o cadaleito e que trasladou o cadáver "ata o hospital" de Verín onde procederon aos "responsos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2019 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

Familias do concello de Verín e usuarios do hospital celebraron un enterro simbólico do paridoiro e nunha necrolóxica elaborada para a ocasión para protestar polo peche dos seus servizos sanitarios. Confiaron en que sexa atendida a súa protesta e polo tanto haxa unha pronta "resurrección" do paridoiro.

Enterro do paridoiro de Verín
Enterro do paridoiro de Verín | Fonte: PSOE

A singular comitiva estivo encabezada por un coche fúnebre que portaba o cadaleito e que trasladou o cadáver "ata o hospital" de Verín onde procederon aos "responsos" e "invocaron a resurrección", que é o que busca "toda a poboación de Verín", explicou a integrante da plataforma sanitaria, Yolanda Domínguez. Fronte ao centro hospitalario, había unha necrolóxica que dicía: "O mozo, hospital de Verín 1994-2019. Familias e usuarios, esperan a túa resurrección". 

Durante o percorrido, que partiu desde a Praza Maior de Verín ata o hospital comarcal, máis de mil persoas corearon berros de "Verín non se pecha" e "dimisión", en alusión ao xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, como máximo representante do Goberno galego.

Os traballadores e usuarios defenden que se manteña o servizo de partos que ven fundamental para garantir o mantemento do rural, tal e como subliñou Domínguez. A secretaria da comisión delegada do hospital destacou a implicación de toda a cidadanía da comarca contra a decisión da xerencia de suprimir o servizo de partos no hospital á vez que resaltou as "ganas" de "manter isto vivo". "Iremos ata onde faga falta", remachou.

De feito, este luns está convocada unha reunión das plataformas sanitarias de toda Galicia en Verín e, especialmente, onde hai hospitais comarcarles, posto que segundo expresou Domínguez "hoxe tocounos a nós" pero "mañá" pode ocorrerlle a outras localidades.

Enterro simbólico contra o peche do paridoiro de Verín
Enterro simbólico contra o peche do paridoiro de Verín | Fonte: Twitter

Polo momento, a idea é esperar a ver que sae da reunión mentres manteñen as críticas contra a Consellería por entender que o peche do paridoiro é un primeiro paso a un "desmantelamento dos comarcais".

Unha usuaria do hospital, Raquel Adolfo, que está embarazada de cinco meses e que se ve por tanto afectada pola supresión do paridoiro, trasladou a súa "frustración" tras lembrar que nestes 25 anos de servizo "nunca" houbo "ningún" problema.

"Levamos anos dando a luz e non houbo problemas e que de súpeto nos digan que nolo pechan, é unha frustración", comentou esta usuaria, quen cre que dar a luz en Ourense implica perder calidade posto que ata agora unha embarazada "tiña xinecólogo e unha matrona" só para ela e a partir de agora non.

A este respecto, advertiu de que o problema xa non é só que peche este servizo senón as dificultades por ter que desprazarse nalgún caso distancias de "hora e media" para chegar ao "hospital de referencia". "Se estas dando a luz como vas chegar?"; esgrimiu esa embarazada, quen expresou a súa preocupación porque non coñece cales van ser os protocolos. 

Finalmente, criticou a falta de "pediatras" en Verín de tal forma que agora a rapazada só vao ser atendida "de 8:00 a 15:00 horas" e a partir desa hora terán que ir a Ourense. 

SOS SANIDADE PÚBLICA PROPÓN UNHA GRAN MOBILIZACIÓN

SOS Sanidade Pública celebra un encontro este luns en Verín para apoiar as mobilizacións e peches da poboación e traballadores sanitarios en contra da decisión de suprimir o paridoiro do hospital comarcal.

Segundo informa a plataforma, o obxectivo é "mostrar a solidariedade coa área de Verín das numerosas organizacións que veñen loitando desde hai anos na defensa do sistema sanitario público galego". Tamén busca "valorar o desmantelamento dos hospitais comarcais galegos tras a reforma da lei galega de sanidade, destinada a recentralizar o sistema".

Proporá unha "gran" mobilización "unitaria" contra a política "de privatización" da Consellería de Sanidade e a Xunta para analizar noutra reunión o día 12 en Santiago, "onde se valorará tamén o resultado da negociación da reforma da Atención Primaria e a situación de Povisa".

Aberto a toda a cidadanía, o encontro celebrarase este luns día 9 ás 17,30 horas no Auditorio de Verín, segundo informa SOS Sanidade Pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta