Un verán cheo de tradicións, cultura, espectáculos e feiras en Allariz

Como cada ano, o concello confecciona unha ampla e variada programación de actividades para goce da veciñanza e dos numerosos visitantes que recibe a vila ourensá no periodo estival. Esta fin de semana, o protagonista será o Festival Literario de Allariz (FLAZ).

Por Galicia Confidencial | Allariz | 02/07/2025 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

O Concello de Allariz vén de presentar hai uns días a súa Programación de Verán 2025, unha proposta ampla e diversa que convida á veciñanza e ás persoas visitantes a gozar dun verán cheo de cultura, feiras, música, espectáculos, tradicións e actividades ao aire libre. Unha chea de alternativas para completar a experiencia de visitar unha vila que demostra o seu dinamismo e o seu interese por cubrir inquedanzas culturais e de lecer de público de todas as idades.

Alberto Conde, Cristina Cid e María López na presentación da programación de verán. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Alberto Conde, Cristina Cid e María López na presentación da programación de verán. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

Alberto Conde, concelleiro de Cultura, acompañado da alcaldesa, Cristina Cid; e de María López, concelleira de Promoción Económica; presentaron a programación destacando "o seu carácter participativo e o seu vínculo co territorio e coa identidade local".

PROGRAMACIÓN XULLO E AGOSTO

O verán comeza con eventos destacados como o FLAZ (Festival Literario de Allariz) que cumpre a súa cuarta edición. Celebrarase os días 4 e 5 de xullo, nunha cita que transforma Allariz nun espazo de diálogo arredor da lectura, a creación e a palabra.

As Festas de San Bieito, que se desenvolverán os días 11,12 e 13 de xullo volverán encher Allariz de música, teatro e tradición. 

Tamén haberá espazo para propostas variadas como o Roteiro Temático de Muíños e Curtumes, unha visita guiada que invita a redescubrir a historia industrial e o patrimonio natural do territorio, e o III Torneo de Fútbol 7, unha cita deportiva xa consolidada que promove o deporte e a participación.

En agosto, o protagonismo será para o folclore, coas Xornadas Internacionais de Folclore, ademais de espectáculos de humor, música ao vivo e actividades pensadas para públicos diversos. A Festa da Empanada, o Tríatlon Vila de Allariz ou a Regata de Piragüismo-Copa Deputación volverán ser momentos de participación e celebración colectiva.

Entre as variadas citas musicais do verán, o 22 de agosto celebrarase o concerto de Budiño–Branca Vela nos Xardíns do Museo do Coiro, nun escenario privilexiado que combina natureza e patrimonio.

AVANCE DE SETEMBRO

Xa en setembro, a programación pon o foco no Festival RiR, na Feira de Artesanía Arte de Man, e na Feira dos Produtos Apícolas. 

ACTIVIDADES PARA A MOCIDADE E MUSEOS

Ademais das citas anteriores, dende o concello informan dunha programación especialmente pensada para a mocidade. Esta iniciativa contempla viaxes de lecer á montaña e á praia; xogos nocturnos como 'atrapa a bandeira' e 'busca do tesouro'; e obradoiros de costumización de roupa, iniciación ao xadrez e creación de 'scape room'. Para estas actividades cómpre anotarse no correo mocidade@allariz.gal e están indicadas con preferencia para público de 13 a 33 anos.

Na web do Concello de Allariz achégase máis información.

Finalmente, dende o concello ourensán convidan tamén a visitar os seus museos: Museo do Xoguete, Museo do Coiro, Museo da Moda, Museo de Arte Sacro de Snta Clara ou Casa Museo Vicente Risco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta