O FLAZ 2025 poñerá o foco nas literaturas do Estado e na tradución

O Festival Literario de Allariz terá lugar os días 4 e 5 de xullo. O evento deste ano contará cos autores Miquel Martín i Serra, Garazi Albizua, María Alonso Seisdedos, Isaac Xubín, Cristina Sánchez-Andrade e Suso de Toro.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 29/06/2025 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

O Festival Literario de Allariz (FLAZ), nacido no 2022, é un proxecto de promoción e fomento da lectura que reúne durante dúas xornadas figuras da literatura en todas as linguas do Estado. Da man da libraría Aira das Letras e do Concello de Allariz conta tamén coa colaboración da Deputación de Ourense e dos seguintes negocios locais: a libraría Maruxairas, a editorial Aira, a empresa de servizos turísticos Xeitura, a pastelaría Fina Rei e os establecementos hostaleiros Fío de Liño e Alarico.

Cristina Cid, Alcaldesa; César Lorenzo, director de Aira Editorial; e María López, concelleira de Promoción Económica, na presentación do FLAZ 2025. Foto: Concello de Allariz.
Cristina Cid, Alcaldesa; César Lorenzo, director de Aira Editorial; e María López, concelleira de Promoción Económica, na presentación do FLAZ 2025. Foto: Concello de Allariz.

“Literatura e loita de clases”, un diálogo entre Garazi Albizua e Miquel Martín i Serra, será o primeiro encontro deste cuarto FLAZ, na tarde do venres, 4 de xullo, na Sala de Exposicións A Fábrica de Allariz. Garazi Albizua (1985) é unha das autoras en lingua vasca con maior proxección. No 2024 publicou Termita: A súa literatura directa e poética atraeu a atención de lectores e crítica. Miquel Martín i Serra (Begur, Catalunya, 1969) é un dos escritores máis respectados das letras catalás actuais. O seu libro O atallo (publicado en galego por Aira) foi un grande éxito.

“A tradución literaria como resistencia fronte ao automatismo” é o título do diálogo entre María Alonso Seisdedos e Isaac Xubín, que terá lugar o sábado, 5 de xullo, ás 12:30 h na sala de exposicións A Fábrica. María Alonso Seisdedos (Vigo, 1961) é unha das tradutoras galegas máis recoñecidas, con varios premios ao seu labor. Por exemplo, recibiu no 2014 o Premio Nacional de Tradución que outorga o Ministerio de Cultura, como parte do equipo que traduciu ao galego o Ulises, de James Joyce. No 2024 publicou a súa primeira novela, As Jermaine. Isaac Xubín (A Coruña, 1978), é tradutor e escritor. Como creador recibiu o Premio da Crítica, o Premio Eusebio Lourenzo Baleirón ou o Lueiro Rey de Poesía. Traduciu a Joseba Sarrionandia, Eva Baltasar ou Flann O’Brien.

Xa na tarde do sábado terá lugar o encontro entre Cristina Sánchez-Andrade e Suso de Toro baixo o título: “O estilo literario na idade de ouro da trama”. Cristina Sánchez-Andrade, natural de Santiago de Compostela, é unha das narradoras en lingua castelá máis orixinais e recoñecidas, tanto en España coma en América Latina A súa última novela, Habitada (2025) está traducida ao galego. Ademais, tamén é tradutora. Suso de Toro (Santiago, 1956) é un dos referentes indiscutibles da narrativa galega actual. A súa sólida traxectoria e o seu nivel de influencia plásmase no gran nivel da súa obra, con obras tan singulares como Polaroid, Land Rover, Calzados Lola (Premio Blanco Amor, 1997), Home sen nome e Un señor elegante. A súa última obra é Conta, Sherezade (2025).

“Pontes e canles: Escrita, tradución e mercado literario”. Así se titula a mesa redonda coa que remata o FLAZ 2025 na tardiña do sábado (19:30 h), 5 de xullo, coa participación dos seis convidados: Garazi Albizua, María Alonso Seisdedos, Miquel Martín i Serra, Cristina Sánchez-Andrade, Suso de Toro e Isaac Xubín.

As biografías das figuras literarias convidadas e o programa ao detalle están na páxina web do Concello de Allariz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta