Un ribeirense enfróntase a 12 anos de cárcere por matar a unha amiga coa que convivía

Os feitos remóntanse ao mes de xullo de 2017, cando o acusado e a vítima, aos que unía unha relación de amizade, comezaron unha forte discusión por "temas de diñeiro".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/12/2019 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, acollerá desde o luns o xuízo contra un veciño de Ribeira acusado de homicidio por matar a puñaladas a unha amiga coa que convivía.

Segundo o escrito de acusación de Fiscalía, os feitos remóntanse ao mes de xullo de 2017, cando o acusado e a vítima, aos que unía unha relación de amizade, vivían xuntos na zona de Ribeira.

O día 31, di o Ministerio Público, ambos pasaron a noite con varios coñecidos e, ben en compañía deles ou ben posteriormente, consumiron cocaína. Ademais, o acusado inxerira "moito alcol".

O fiscal precisa que era coñecido na súa contorna que, "cando o acusado inxería alcol e cocaína", se poñía "nunha actitude extremadamente violenta", algo que interfería na súa capacidade intelectiva.

Tras marcharse os coñecidos en común, e mentres ceaban, a vítima e o acusado mantiveron unha forte discusión "por temas de diñeiro", durante a cal o procesado colleu un coitelo de cociña de 15 centímetros de folla coa intención de atacar á vítima.

Ela "fuxiu escaleiras arriba tratando de refuxiarse nalgunha das estancias do piso superior", pero foi alcanzada no cuarto de baño, onde o acusado a acoitelou varias veces. Dous das puñaladas atravesaron a cavidade torácica e abdominal e, tras lesionar o pulmón, alcanzaron a aorta descendente, unha "lesión mortal". A vítima faleceu pola hemorraxia aguda interna "de forma inmediata".

Tras darse conta de que non se movía, o home "tentou facer torniquetes" á vítima co pantalón que ela vestía e unha camiseta e chamou ao 112 para avisar e facer crer que outra persoa a atacou. O acusado fuxiu ao chegar a ambulancia, pero foi detido pouco tempo despois.

Por estes feitos, Fiscalía considera ao home autor dun delito de homicidio e pide para el, tendo en conta que tiña alteradas as capacidades volitivas, a pena de 12 anos e medio de prisión. A maiores, reclama que indemnice ao único fillo da muller, co que non vivía, con 100.000 euros. Interesouse que se vexa en sala a gravación coa segunda declaración do acusado, na que recoñece os feitos.

Audiencia Provincial da Coruña.
Audiencia Provincial da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta