A carpintaría de ribeira, unha maneira de rebaixar a pegada de carbono no mar e fixar poboación

Os carpinteiros de ribeira queren que o seu sector sexa economicamente rendible e para iso propoñen fomentar o uso de barcos con casco de madeira, menos contaminantes que os materiais sintéticos. Piden ás autoridades fomentar a formación de novos profesionais de cara a aproveitar as novas medidas medioambientais na pesca e na pegada cero de residuos no mar. Polo de agora, non é un sector que interese á Xunta.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 09/12/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A madeira apodrece ou pode reciclarse, mentres que os materiais sintéticos tardan mesmo séculos en descompoñerse. Esta simple idea abondaría para que as autoridades políticas e laborais pensasen na construción de cascos de madeira para barcos de cara a mellora medioambiental e laboral. Os profesionais da construción de barcos en madeira cren que é necesario un cambio de perspectiva sobre a súa profesión, darlle os apoios necesarios para converterse nun sector economicamente viable e ambientalmente sustentable.

XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en O Freixo-Outes
XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en O Freixo-Outes | Fonte: Miguel Núñez

A Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira, AGALCARI, celebrou como un pequeno paso a declaración como Ben de Interese Cultural, BIC, a súa profesión e todo o patrimonio material e inmaterial que a rodea. O temor deste sector é que todo quede na BIC e non haxa investimentos en formación e reciclaxe de cara ao relevo xeracional dun sector que vai minguando. Por iso reclaman a creación dunha FP dual que permita renovar o sector, pois os profesionais actuais calculan que en cinco anos comezará a perda irreversible de traballadores neste ámbito.

Ramón Collazo é o actual presidente de AGALCARI e aclara sobre a BIC que “aínda non se compuxo o órgano de xestión para regular esta declaración, mais o que non queremos é vernos soterrados baixo unha visión romántica deste traballo”. A asociación entende esta acción como unha ferramenta máis para avanzar cara unha mellora tanto das condicións como da consideración profesional do carpinteiro de ribeira. “Non queremos que nos pechen nun apartado cultural ou patrimonial”. O órgano de xestión, explica Collazo, estará composto por carpinteiros, representantes da administración e un representante de Portos de Galicia.

O labor para o órgano xestor será a aprobación dos diferentes modelos tipolóxicos de embarcación que hai en Galicia, regular os métodos de restauración para que se siga considerando unha embarcación tradicional. “Nós consideraremos que a carpintaría de ribeira estará recuperada cando volvamos facer barcos para a xente do mar” di Collazo.

NORMATIVAS

“Nos últimos anos o poliéster comezou a competir coa carpintaría de ribeira no sector onde nos moviamos” di Gerardo Triñanes, carpinteiro e antigo presidente de AGALCARI. A creación da asociación en 2007 buscaba darlle unha proxección produtiva e comercial ao sector fronte á irrupción dos materiais sintéticos. Ademais, os carpinteiros tiñan que adaptarse a un novo regulamento, pois o anterior viña aínda de 1963. “Promovemos outro regulamento coas bases que xa tiñamos, porque a madeira en tema tecnolóxico mellorou moito, ademais que había novos materiais que non estaban contemplados no anterior regulamento”.

XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en O Freixo-Outes
XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en O Freixo-Outes | Fonte: Miguel Núñez

“Sentímonos discriminados en canto a normativas porque están enfocadas a novos materiais, é como se fosemos a irmá pobre da construción naval cando somos a primixenia” indica Ramón Collazo. “Moitas veces ténsenos dito que a nosa actividade ten un alto custe en mantemento, mais os barcos recén construídos desde hai vinte anos demostran que xa non é así” sinala o presidente de AGALCARI.

Aínda así, acadouse un documento regulamentario para a carpintaría de ribeira e a construción de barcos en madeira, apoiada pola Consellería de Industria. Non obstante, “non acabamos de ter un documento que avale as prestacións de construir en madeira, ademais que somos capaces de adaptar calquera novo material á madeira”.

Falar de discriminación pode ser esaxerado, mais os propios carpinteiros apuntan que os barcos de madeira teñen que varar cada ano para a súa revisión, o que engade custes para o propietario. Os barcos feitos con materiais sintéticos ou metálicos, poden esperar de dous anos e medio ata tres para varar e seren revisados.

PEGADA ECOLÓXICA

AGALCARI en 2007 fixera un plano estratéxico para o sector do barco de madeira en base á mellora da calidade medioambiental, sobre todo dentro das rías. “Contemplamos a formación de novos profesionais, a necesidade da navegación en madeira pensando no ecosistema das rías, se se pesca con poliéster a pegada é máis fonda que se fose madeira”,  di Triñanes. Nese sentido apostan pola montaxe de cascos de madeira, sen prexuízo de levar outros materiais para outras pezas e partes do barco.

“A pegada de carbono que deixa durante o seu período de vida un barco de fibra sintética ou metal, é oitenta veces superior á dun barco de madeira” declara Ramón Collazo. “Cando ambos barcos acaben a súa vida útil, co de madeira sabemos que vai pasar, cos de poliéster limitámonos a cortalo e almacenalo”. Isto último é o que convence a Collazo para insistir en que é necesario un incentivo máis profundo para o seu oficio, revitalizalo e facelo competitivo. “Se o pensan ben, somos un exemplo de economía circular, sostible e capaz de fixar poboación nos lugares”.

“A pegada de carbono para a construción en metal ou fibras ten un custe máis elevado, a madeira non emite CO2, todo o contrario, os bosques son sumidoiros desta materia” di Paco Fra carpinteiro de ribeira en San Cibrao, Cervo (Lugo). “A diferenza está en que en vinte anos de vida dun barco en fibra ou metal emítense 120 toneladas de CO2, un barco de madeira no mesmo tempo emite 18 toneladas”.

FORMACIÓN

“Necesitamos dunha formación regrada, mesmo habería que comezar pola FP desde as bases iniciais, que fose dual e acabar nos talleres” destaca Ramón Collazo, convencido dunha formación moito máis eficiente. “Estamos preocupados polo relevo xeracional, cando se nos ve preocupados é certo, porque non é só a quen deixarlle a empresa senón todo canto aprendemos dos nosos pais”.

“Si é necesaria a formación, mais ten que ser unha formación que incentive a vocación, non crear escolas onde a xente cobre e logo non continúe co oficio” di Paco Fra. “A formación para este tipo de oficios, noutros países, como Gran Bretaña, a persoa que quere aprender ten que pagar para formarse”. O feito de pagar pola formación garante que a persoa ten vocación ademais de asegurar o relevo xeracional.

O oficio de carpinteiro de ribeira é un oficio artesanal que “ten unhas claves culturais, cunha xiria propia, técnicas construtivas que cremos se deben preservar” comenta Gerardo Triñanes. AGALCARI xunto a Culturmar, traballan en recuperar diferentes tipoloxías de embarcacións. “Démonos conta que o noso patrimonio era máis grande que noutros países, así a Xunta declarounos BIC, mais o que queriamos era ter un proxecto comercial e industrial”.

O temor dos profesionais da carpintaría de ribeira consideran que o seu oficio é economicamente viable pensando en diferentes tipos de pesca ou acuicultura. Por iso piden tamén investir en investigación sobre a madeira para adaptar o sector ás novas esixencias do mercado. Así mesmo, insisten na vantaxe da madeira ao deixar unha pegada de carbono menor que outro tipo de materiais. Xunto a isto, súmaselle o feito de ser unha industria que se pode inserir dentro do concepto de economía circular, asentando poboación e conservando patrimonio natural, material e inmaterial.

XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en O Freixo-Outes
XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en O Freixo-Outes | Fonte: Miguel Núñez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pedro Picapedra

Cando os vexa montados nun troncomóbil seguimos falando ...