Suanzes proporá un fiscal autonómico de delitos económicos

Pide fiscalías anticorrupción na Coruña e Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2019 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, proporá a designación dun fiscal autonómico de delincuencia económica na Comunidade galega e pediu a posta en marcha de fiscalías anticorrupción nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Diso informou este mércores durante a súa comparecencia na Comisión de Xustiza do Parlamento de Galicia, órgano no que explicou que o pleno do Consello fiscal celebrado o pasado mes de novembro informou favorablemente sobre a activación de fiscalías anticorrupción nestas dúas provincias galegas.

Deste xeito, agora, correspóndelle á Fiscalía Superior do Estado estudar e autorizar a creación destes dous órganos se considera que son necesarios. Pola súa banda, o nomeamento dun fiscal autonómico en materia de delincuencia económica correspóndelle ao fiscal superior de Galicia, aínda que tamén terá que contar coa autorización da Fiscalía Superior do Estado.

Na súa intervención na Cámara galega, Suanzes destacou que "desde hai anos" hai unha "actitude favorable" á posta en marcha de fiscalías anticorrupción en Galicia aínda que deixou claro que estes órganos non poden ser autonómicos polo que se contempla as provincias "nas que se teñen ámbitos de maior potencialidade nesa materia".

"Este é o contexto no que nos atopamos, tratando de ver se poden ou non crearse e cales serían", explicou o fiscal, que subliñou que o feito de que non existan estes órganos non significa que "haxa impunidade" senón que son outros profesionais os que asumen os asuntos.

"AMBICIOSOS CAMBIOS"

E é que, na súa comparecencia, o fiscal superior de Galicia demandou "ambiciosos cambios" que permitan axilizar a xestión dos procedementos xudiciais e responder eficazmente as demandas da sociedade.

"En recursos humanos e en medios materiais temos que avanzar, non o discute ninguén, dixémolo moitas veces", indicou Fernando Suanzes, que considerou necesario un "pacto pola xustiza", unha das "grandes esquecidas desde que empezou a democracia".

Así, lamentou que en España os fondos destinados á xustiza "non cheguen" ao 1% dos orzamentos cando en Europa se está "no 2 ou 2,5%". "En número de funcionarios por fiscal estamos nunha media dun por fiscal, cando en Europa está en 12 por fiscal", sinalou para incidir na necesidade de "progresar".

"NON SE ESTÁ LOGRANDO UNHA XUSTIZA MÁIS ÁXIL"

Nesta liña, Suanzes incidiu en que no dez anos transcorridos entre 2008 e 2018, tramitáronse en Galicia un total de 2,6 millóns de procedementos penais. Dos máis de 300.000 que se dilixenciaron en 2008, o pasado ano apenas se superaron os 132.000, o que supón un 56% menos.

Con todo, segundo apuntou, "non se está logrando unha xustiza máis áxil" xa que o número de procedementos resoltos ascendeu en 2018 a algo máis de 97.000, o que deixou un total de 35.439 asuntos pendentes, un 8,8% máis que en 2017.

Por iso, incidiu na necesidade de "apostar clara e decidídamente pola xustiza, posto que a eficacia vai inexorablemente unida á intensificación dos medios á súa disposición".

Fernando Suances, fiscal superior de Galicia
Fernando Suances, fiscal superior de Galicia | Fonte: alternativas xustiza

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta