Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2025 | Actualizada ás 22:00
-Cales van ser os eixos que marcarán o camiño do seu traballo dentro da institución?
Por unha parte hai unha liña de continuidade debido a ter traballado moi perto dos presidentes Alonso Montero e Víctor Fernández Freixanes e con responsabilidades na Secretaría da Academia. Isto faise tendo en conta o esforzo que se fixo de cara a proxectar a Academia de cara á sociedade galega nos parámetros do século XXI. Por outra parte, hai elementos de renovación porque gran parte da executiva son incorporacións recentes de persoas novas das que se esperan ideas novas e certa frescura. Entre os elementos ou puntos que debemos culminar son as obras do edificio da rúa Tabernas na Coruña. Temos aí a proposta de reforma dos estatutos para axilizar o regulamento da Academia, permitir unha renovación das persoas sen perder o inmenso capital académico que temos mais abrindo a porta a novas incorporacións. Sobre a lingua, seguiremos atentos e en primeira liña de defensa do galego para que tanto a sociedade como os poderes públicos sexan conscientes da riqueza do galego. Por iso pediremos políticas de apoio e de arroupamento social.
Cos datos sobre o galego síntome moi descontento, mesmo triste
-Sobre a apertura da RAG á sociedade cales son os elementos que se traballarán mostrar o traballo da Academia e o valor que aporta?
Durante os últimos anos fixéronse grandes traballos nese sentido e, ademais, a maioría da xente recoñece dito esforzo. Isto fíxose grazas a unha política de comunicación moito máis aberta, moito máis intensa e deixando un efecto palpable en canto a coñecemento e recoñecemento da Academia entre a xente. Por outra parte, estamos renovando a web para actualizala e facilitar o seu uso. Imos traballar en acordos e colaboracións con todo tipo de entidades da sociedade galega, por exemplo, co mundo deportivo para levar adiante unha serie de iniciativas. Estamos en contacto tamén co tecido social como por exemplo a asociación Alingua para propoñermos colaboracións. Resumindo, a idea é seguir cunha forte presenza nos medios e redes sociais e política activa de colaboración e diálogo con distintos axentes da sociedade.
-Que axentes lle gustaría que interactuasen coa RAG nese traballo de apertura cara ao tecido social?
O elemento que ten máis forza agora e sobre o cal estamos dando pasos é esa fundación pro-Academia. Esta iniciativa está pensada para que empresas e diferentes colectivos poidan apoiar á RAG, mesmo economicamente, isto pode resultar nun foro de interacción e implicación de axentes sociais na lingua a través do apoio económico a través de padroado ou mecenado. Na nosa web reflectimos diferentes actos da Academia onde recibimos persoas ou entidades como outras academias, organizacións en defensa das linguas minoritarias ou minorizadas, entidades locais e, en definitiva, queremos forxar colaboracións constantes.
A RAG non é parte das administracións públicas, mais tamén temos unha encomenda oficial por lei para defender a lingua
-Falaba da futura Fundación. Como traballará este organismo e como se poderán achegar aqueles axentes que desexen participar no fomento e defensa do galego?
A nosa idea é que as liñas de estudo e defensa do noso idioma teñan apoio social. Un exemplo é o programa Modo Galego, Actívao!, que iniciamos cunha experiencia piloto en Ames porque agora xa está en Santiago, xa nolo pediron de Pontevedra, da Coruña e outros concellos. Este é un programa de dinamización sociolingüística dirixido aos centros de ensino e a todo o conxunto da comunidade educativa, co tempo podería ser a orixe doutros programas que poidan recibir un apoio económico desa Fundación pro-Academia e como di ese, outros moitos. Outros elementos que pode aportar sería o dicionario en liña, un dos grandes servizos que presta a RAG á sociedade.
A idea é seguir cunha forte presenza nos medios e redes sociais e política activa de colaboración e diálogo con distintos axentes da sociedade
-Xa falou da web mais cales son os retos que deben afrontar de cara á actualización dentro da Rede?
Á parte de actualizar a nosa web e a través dela estamos ofrecendo moitos materiais entre eles audiovisual para mostrar toda a riqueza da Academia como son os arquivos de imaxes. Doutra banda, estamos traballando na gramática, onde están traballando persoal vinculado ao ILG, e que ofreceremos ao público o ano que vén. Tamén dentro da Internet temo un reto moi importante e que resumimos nese Proxecto Nós do cal a RAG forma parte. Tamén estamos preparando un dicionario bilingüe castelán-galego do que sairá máis adiante a versión inversa, dúas ferramentas moi importantes para os tradutores automáticos, cousa útil para non ser devorado polas grandes linguas da contorna, no noso caso polo castelán.
-A creación da Consellería de Cultura e Lingua separando a lingua da área de ensino (Consellería de Educación) é unha acción beneficiosa se pensamos na promoción do galego dentro dos menores no ensino?
Non teño unha opinión moi clara sobre este asunto e tamén me parece un tema de menor relevancia. O noso interese está en que a Secretaría Xeral de Lingua dispoña dos medios para facer políticas activas a prol do galego e que teña a iniciativa de materializalas. Evidentemente, formando parte dun goberno iso está moi relacionado co ámbito da educación, mais tamén está relacionado coa cultura, coa administración local, coa empresa ou co turismo. Desde logo que a educación é un ámbito moi importante para desenvolver políticas lingüísticas, ou se se quere o elemento central, mais como se vexa iso reflectido no organigrama dun goberno non me parece unha cuestión realmente importante.
Seguiremos atentos e en primeira liña de defensa do galego para que tanto a sociedade como os poderes públicos sexan conscientes da riqueza do galego
-Existe unha serie de puntos como foron as diferentes manifestacións en defensa do galego. Cal é a relación que mantén a RAG coa Mesa pola Normalización Lingüística?
En breve, nuns días, teremos unha reunión coa Mesa e mantemos unha interlocución regular. Somos dous organismos cunhas áreas e ámbitos de traballo moi distintos aínda que son dous organismos moi importantes. A RAG é un organismo detipo máis paraoficial e o seu traballo está circunscrito ao aspecto normativo (dicionarios, gramáticas, etc.) e o seu papel en defensa do galego está dentro dun ámbito máis institucional. A Mesa é un colectivo cidadán relacionado coa concienciación social para a defensa do galego. Son dous ámbitos que non se contradín, son complementarios mais diferentes. Somos dúas organizacións diferentes e cada unha ocupa unha posición dentro da organización cívica e institucional.
-Hai pouco houbo unha reunión a Xunta e o Consello da Cultura Galega (CCG). Non é, cando menos estraño, que a Xunta, unha institución que tamén debera velar pola defensa e promoción do galego, teña que sentarse a negociar solucións precisamente con estamentos cos que comparte obxectivos?
Considero que é unha tarefa, tanto do goberno galego como do Consello da Cultura, falar sobre a situación do galego, cada un desde o seu ámbito, e intercambiar ideas. O CCG é un órgano consultivo das institucións galegas e, por tanto, é normal que teña conversas co goberno galego sobre todo en cuestións relativas á cultura e á lingua. O CCG lembremos que é un organismo autónomo, con carácter plenamente oficial. A RAG non é parte das administracións públicas, mais tamén temos unha encomenda oficial por lei para defender a lingua. Isto último está aprobado polo Consello de Ministros do Goberno español, e dentro da Lei de Normalización Lingüística atribúesenos a competencia de regular a norma da lingua. É certo que CCG e RAG temos un grande parecido en canto atribucións mais somos diferentes e a Xunta faría ben en escoitar as recomendacións e consellos dos dous entes.
-Como cualificaría os resultados de dedicarlle o Día das Letras ás cantareiras galegas?
Estamos moi satisfeitos pola acollida da sociedade a esta proposta nosa. Neste caso, a Academia pon o santo e o pobo pon a festa. Neste sentido tamén se implican o tecido social, educativo, asociacións culturais, concellos etc., sobre todo tendo en conta o atractiva que lles resulte esa figura. Había dúbidas sobre se dedicalo ou non ás cantarerias mais acertamos plenamente porque tamén se lle deu visibilidade ás asociacións que levan tempo traballando no folclore tradicional e que agora se senten empoderadas e recoñecidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.