O fiscal García Ortiz sostén que a creación de dúas unidades Anticorrupción en Galicia terían "efecto preventivo"

A xustiza galega atópase á espera de que a Fiscalía Superior do Estado autorice a creación destes órganos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2019 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

O fiscal delegado de Medio Ambiente e expresidente da Unión Progresista de Fiscais, Álvaro García Ortiz, sostén que a creación de dúas unidades de fiscalía encargadas de delitos económicos e de corrupción en Galicia (unha na Coruña e outra en Pontevedra) terían un "efecto preventivo" na sociedade.

Álvaro García Ortiz
Álvaro García Ortiz

Así o manifestou García Ortiz este domingo nunha entrevista en Cadena Ser, na que explicou que se mandará unha mensaxe á cidadanía con que "determinadas condutas van estar perseguidas exactamente igual que noutros sitios, cos mesmos medios e excelentes profesionais".

Estas declaracións xorden días despois de que o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, informase o pasado mércores na Comisión de Xustiza do Parlamento de Galicia sobre a posibilidade de que se activasen fiscalías anticorrupción nestas dúas provincias.

Polo momento, a xustiza galega atópase á espera de que a Fiscalía Superior do Estado autorice a creación destes órganos. Con todo, García Ortiz cre que a petición que se realizou tamén terá un segundo efecto de moita importancia e é "o efecto chamada".

EFECTO ALERTA

"Haberá unha institución onde os cidadáns, os particulares ou as propias persoas da administración poden acudir con garantías porque existe esa figura para denunciar e dar probas", continúa. "Non é o mesmo ter un servizo específico que un xenérico", por iso cre que é "positivo" para a Fiscalía e sobre todo "para todos os cidadáns de Galicia.

Non esquece que, en calquera caso pode xurdir un "efecto alerta" produto de establecer un control. 

PARTICIPACIÓN CO PSdeG-PSOE

Noutra orde de cousas, García Ortiz explicou a súa participación no laboratorio de ideas organizado polo PSdeG o sábado en Santiago. Argumentou que acudiu ao evento como membro da Unión Progresista de Fiscais e que o seu papel alí foi "o mesmo que noutros foros nos que asociativamente participamos".

Ese feito "non significa a adscrición a ningún programa ou a ningún partido político, significa participar naqueles foros sociais nos que podes ser útil da mesma maneira na que participas con outros grupos políticos", sentenciou.

Con todo, o PPdeG atacou a presenza de García Ortiz no acto dos socialistas e nas súas redes sociais publicou unha mensaxe no que criticaba que "un fiscal debería comprometer a súa propia independencia e neutralidade facendo campaña en favor de ningún partido".

Nas mesmas redes, o PSdeG recriminou estas palabras e lembrou aos populares que a súa sede de Lugo contará coa presenza do xuíz Vázquez Taín noutro acto a semana que vén.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta