Rosalía de Castro xa ten a súa estrela na constelación Ofiuco

O nome da poetisa e Río Sar son os nomes elixidos para a estrela HD 149143 e o seu planeta.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 17/12/2019 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

A estrela HD 149143 chamarase a partir de agora Rosalía de Castro, en honra á poetisa e novelista galega, e o planeta que a orbita será bautizado como Río Sar, nome do afluente do río Ulla e que dá nome a unha das súas obras.

Ambas as denominacións foron as vencedoras dunha votación en liña para elixir o nome da estrela HD 149143 e o seu planeta, dentro do proxecto internacional impulsado pola Unión Astronómica Internacional (IAU) como parte das actividades de celebración do seu centenario.

Baixo o nome de 'NameExoWorlds', asignouse a cada país, máis de 110 en total, un sistema formado por unha estrela e o planeta que a orbita para que se lles dese nome mediante participación cidadá. No caso de España, encargada de buscar nomes para a estrela HD 149143 e o planeta HD 149143 b, votouse entre unha ducia de propostas a través da web 'www.nombraexoplanetas.es', cun total de 34.179 votos.

A parella de nomes (Rosalía de Castro e Río Sar), proposta que partiu da Agrupación Astronómica Coruñesa IO, obtivo exactamente 13.413 votos, máis dun 39% do total. Por detrás quedaron a opción de Tirant e Carmesina, con máis de 5.600 votos, e os nomes de Diego e Isabel, os amantes de Teruel, con máis de 4.500 apoios.

A organización do concurso estivo a cargo da Sociedade Española de Astronomía (SEXA) en colaboración co Planetario de Pamplona. O proxecto estivo coordinado pola astrofísica da Universidade Autónoma de Madrid (UAM) Eva Villaver.

Os nomes de Rosalía de Castro e Río Sar únense aos de Cervantes, Quijote, Rocinante, Sancho e Dulcinea, que tamén se elixiron por votación e son desde 2015 as denominacións oficiais da estrela Mu Arae e o seu catro planetas.

UNHA ESTRELA AMARELA E UN PLANETA XIGANTE GASEOSO

O sistema Rosalía de Castro e Río Sar atópase na constelación de Ofiuco (o encantador de serpes). A estrela, ata agora coñecida como HD 149143, forma parte do catálogo Henry Draper de estrelas, compilado a principios do século XX pola astrónoma Annie Jump Cannon e os seus colaboradores do Observatorio de Harvard (Estados Unidos).

Trátase dunha estrela amarela anana (de tipo espectral G0), similar ao Sol, e que se atopa a 240 anos luz da Terra. É un pouco máis masiva que o Sol (a súa masa é 1,21 veces a do Sol) e o seu radio é tamén maior (1,49 veces o radio do Sol).

O exoplaneta HD 149143 b, desde agora Río Sar, foi descuberto en 2005 desde o Observatorio da Alta Provenza (Francia) coa técnica de espectroscopia Doppler ou método de velocidade radial. Trátase dun planeta de tipo xigante gaseoso, e a súa masa é, como mínimo, 1,33 veces a de Xúpiter. Atópase moi preto da súa estrela e completa unha órbita ao redor dela en tan só catro días, polo que a súa temperatura superficial é moi elevada. É o que se coñece como un planeta de tipo Xúpiter quente.

Posición da estrela HD 149143. SEXA - Arquivo
Posición da estrela HD 149143. SEXA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta