A Aemet prevé un Nadal sen choivas e un inverno cálido

Galicia despide o sexto outono "máis húmido" desde 1971.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 18/12/2019 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé, tras un outono moi chuvioso, un inverno "máis cálido" do normal en Galicia e con precipitacións "normais" para esta época do ano. En canto ao Nadal, non se esperan choivas.

O delegado da Aemet en Galicia, Francisco Infante, ofreceu unha rolda de prensa na que realizou un balance do outono en Galicia e avanzou as previsións meteorolóxicas para o inverno e as próximas festas do Nadal.

Infante sinalou que o outono foi "cálido" pero "moi húmido" en Galicia. De feito, este foi o "sexto outono máis húmido desde 1971", asegura Infante, que asegura que estas choivas favoreceron a que a estas alturas Galicia presente un balance hídrico positivo.

A estación resultou chuviosa, sobre todo no mes de novembro, que xa se consagra como "o cuarto mes máis húmido" dos últimos 50 anos. "Choveu practicamente todos os días do ano", dixo Infante, quen detallou que en cidades como Lugo, Santiago ou Vigo non se libraron da auga nin un só día. Na Coruña chovía un día menos, 29 de 30 días.

A pesar de que se espera un Nadal sen precipitacións, no que vai de mes de decembro xa choveu un 70% do que adoita chover nesta época do ano, sinala Infante.

O outono foi "cálido", con temperaturas superiores aos valores normais, destacando os preto de 30 graos que se alcanzaron no mes de setembro en Ponteareas. Onde tamén se rexistraron temperaturas altas foi no norte de Lugo: Ribadeo e Burela superaron os 23 graos no mes de novembro. A pesar destas altas temperaturas, non resultou "excepcional", asegura.

Esta tónica de temperaturas por encima da media é unha tendencia cada vez máis repetida, e é que o tempo cada ano é "máis cálido", advirte Infante. Precisamente, este 2019 probablemente termine sendo "o segundo ou terceiro ano máis cálido a escala global" desde que se empezaron a tomar rexistros a mediados do século XIX.

NADAL

En canto ás previsións para os próximos días, a Aemet prognostica un Nadal sen precipitacións e con variacións de temperaturas entre a primeira e a segunda semana.

Desta forma, tras as precipitacións desta semana, espérase que o luns Galicia quede baixo a influencia das altas presións, polo que non se esperan choivas nin en Noiteboa nin en Nadal. Ademais, as temperaturas serán agradables durante estes días. Para o resto desa semana, "non se esperan precipitacións importantes".

Tampouco choverá en fin de ano. Segundo a previsión da Aemet, a semana do 30 de decembro ao 5 de xaneiro, Galicia estará baixo a influencia do anticiclón, polo que se espera un tempo seco aínda que con temperaras "lixeiramente máis frías".

Finalmente, Infante realizou un prognóstico xeral para o inverno en Galicia, que se prevé que sexa "máis cálido", con temperaturas algo máis altas do habitual nesta época, e con niveis de precipitacións "normais".

Luces de Nadal en Santiago de Compostela. REMITIDA - Arquivo
Luces de Nadal en Santiago de Compostela. REMITIDA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta