Temas: MAR UE PESCA

A frota galega ve "razoablemente positivas" as cotas da UE para 2020, xa que "puido ser moito peor"

A frota do Cantábrico "non saíu tan mal parada" como outros anos, pero a de Gran Sol está "decepcionada" polo recorte de pescada.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/12/2019 | Actualizada ás 19:35

Comparte esta noticia

A frota galega considera "razoablemente positivos" os resultados das negociacións en Bruxelas dos TAC e cotas para 2020, xa que "puido ser moito peor" pola posición de recortes da que se partía.

Barco pesqueiro
Barco pesqueiro | Fonte: Europa Press

O portavoz de Acerga —a asociación maioritaria do cerco galego—, Andrés García, valora que a rebaixa do 40% de xurelo para a zona VIIIc —no Cantábrico— "compensarase coa posibilidade" de obter doutras zonas. Mentres, "desaparece a ameaza de baixada" de xurelo para a zona IXa —ao sur de Fisterra—, que "sería catastrófica", pois se consegue un incremento do 24%.

Ademais, sobe un 41% a xarda para o Cantábrico, aínda que hai un retroceso do 3% para a anchoa. "As expectativas eran moi malas, polo que parece que se chegou a un bo acordo", afirma Andrés García.

Pola súa banda, o secretario xeral da Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (Fremss), Torcuato Teixeira, remarcou que a pesca do Cantábrico "non saíu tan mal parada como saíra outros anos". Opina que o acordo é "satisfactorio", aínda que "non se poden botar as campás ao voo", pero "puido ser moito peor".

Identifica como "unha mala noticia" a rebaixa do 40% de xurelo no Cantábrico, porque "é moi drástica dun ano para outro", aínda que "se pode compensar con mecanismos de flexibilidade para traer xurelo doutras zonas que sobren".

Tampouco "é unha boa noticia para o Cantábrico" a diminución do 5,5% de pescada do sur, porque "é unha cota que se adoita consumir", mentres "arrastre, volanteiros e palangreiros necesita cota desa especie".

Pero Torcuato Teixeira si recoñece a "moi boa noticia" de suba do 40% da xarda, a alza do xurelo do sur e do galo. Tamén é "realmente importante" que "se poida reconsiderar a decisión inicial de tres anos máis de veda do lagostino" para que volva ás lonxas no futuro.

AFECTACIÓN Á FROTA DE LUGO DE GRAN SOL

O xerente da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo, Sergio López, refírese a a avaliación contraposta entre a colleita "positiva" desta reunión en Bruxelas para a frota de litoral (arrastre, cero e artes varias), fronte á frota da Mariña que faena no Gran Sol, que está "decepcionada".

É "bo" para os barcos de litoral o aumento do 41% da xarda, que a pescada case non baixa —estima que "coas flexibilidades e obrigacións de desembarque pode quedar practicamente nun menos 3%"—, que o xurelo "aguanta" polos intercambios e "incremento" do galo.

Con todo, o alcanzado "é unha pena" para o Gran Sol. "Pensabamos que se ía a conseguir algo e non se conseguiu nada", lamenta Sergio López.

Sobre este extremo, refírese ao recorte do 20% na pescada nesta zona, a "especie principal en facturación", aínda que lembra que o ano pasado se incrementou na mesma taxa, polo que se volve a cifras de hai dous anos. Ademais, lembra que este ano non se consumiu a cota, "pero non se sabe como vai ser o ano que vén".

ATENTOS Á MARCHA DE REINO UNIDO

Así mesmo, o presidente dos armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, recoñece un balance "positivo", cunha "suavización dos fortes recortes" que se prevían tras "unha dura negociación".

Tamén subliña como "positivo" actuar de forma "coordinada con Reino Unido, Holanda e Bélxica", mentres se conseguen este ano "máis toneladas" de capturas para Galicia que en 2019.

Pese ao recorte de pescada sur, que pescan uns 1.200 barcos galegos, cre que é "un moi bo logro" paliar a baixada da que se falaba nun principio, do 20%.

A continuación, explicou que a negociación deste ano é "bastante especial", dado que en 2020 debe alcanzarse o rendemento máximo sustentable. Touza chama a atención sobre que a frota galega pasou na última década de cinco especies en rendemento máximo sustentable a un total de 59, tras realizar un "gran sacrificio".

Tamén fala de "esperanza" co lagostino, "un recurso moi importante para determinadas frotas galegas", posto que se seguirán facendo informes para "a curto ou medio prazo poder reabrir a pesqueira".

Finalmente, apela a "empezar a prepararse" para a marcha de Reino Unido da UE, porque para 2020 "se tiveron en conta as augas británicas para a distribución de cotas" e "non se sabe se se poderá contar de cara a futuras negociacións".

Co acordo de retirada, o período con Reino Unido vence o 31 de decembro de 2020, "sen prexuízo" de que se poida prolongar dous anos máis, pero os británicos "queren que sexa a data tope". "E unha vez se produza a saída non sabemos como vai quedar a situación", avisa, polo que pide segue coa negociación coas autoridades británicas. "Xogámonos o futuro dos próximos anos", deixa claro Touza.

Temas: MAR UE PESCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta