O Concello de Pontevedra dá pasos cara adiante no transporte a demanda

Contratará un estudo para determinar a súa implantación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2020 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra contratará un estudo para determinar como se implanta no municipio o transporte a demanda que cubra as necesidades do rural.

O concelleiro responsable de transporte, Demetrio Gómez, informou este mércores en rolda de prensa do contido da reunión técnica celebrada para implementar este servizo de transporte público ao longo do mandato.

O edil nacionalista sinalou que na súa Concellaría están "a traballar intensamente" nesta cuestión que ten "unha parte moi confusa", puntualizou, como é a tramitación administrativa relacionada cos fondos europeos Edusi e reviste ademais moita complexidade "porque non hai practicamente experiencias semellantes ao que nós queremos pór en marcha".

Segundo indicou Gómez na comparecencia, "é un traballo moi de vangarda, moi avanzado", de aí a importancia que, ao seu xuízo, ten esta parte do proxecto.

Neste sentido, o Concello de Pontevedra terá que encargar un software pioneiro para xestionar este transporte a demanda e, ademais, contratará a unha empresa especializada un estudo "completo e integral" da demanda desta modalidade de transporte, da súa viabilidade e das posibilidades de explotación deste tipo de servizo.

Ese estudo incluirá un traballo de campo cunhas 2.500 enquisas a domicilio, tamén nos posibles destinos (centros de saúde e administrativos, mercado, entre outros) e enquisas en cordón dirixidas a persoas que van no seu vehículo co obxecto de analizar os percorridos que fan dentro de Pontevedra.

Ademais, a empresa que resulte contratada mostrará as diferentes alternativas existentes, fará unha proposta de proxecto de explotación do transporte a demanda e analizará o contexto administrativo e normativo actual "para saber exactamente onde encaixa e que non teñamos problemas unha vez que se poña en marcha", matizou, ante unha posible reclamación legal.

PREGO

Demetrio Gómez anunciou que "nas próximas semanas" se enviará a contratación o prego para o concurso no que se adxudicará a realización deste estudo para o que se establecerá un prazo de redacción "de dez ou de once meses".

"Durante o inverno do ano 2021 poderiamos ter esta parte do traballo completa", manifestou o concelleiro.

Autobús nunha estrada. FLIXBUS - Arquivo
Autobús nunha estrada. FLIXBUS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta