Abanca sae ao rescate do Deportivo da Coruña cun préstamo de cinco millóns de euros

"Este rescate ao Deportivo non é diferente ao que fixemos con outras empresas galegas", afirma o presidente da entidade financeira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2020 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

Abanca saíu ao rescate do RC Deportivo da Coruña coa concesión dun préstamo participativo de cinco millóns de euros, que o club terá que capitalizar.

Así o confirmou, en rolda de prensa, o presidente da entidade financeira, Juan Carlos Escotet, e o candidato a presidente do Deportivo, Fernando Vidal, durante o acto de presentación do acordo alcanzado para que o banco axude ao club ante a "situación crítica" na que se atopa, cunha débeda de máis 83 millóns de euros.

"Esta situación e os malos resultados deportivos fan inviable este proxecto se non se toman medidas de carácter inmediato", asegurou Escotet, quen fixo fincapé en que o Dépor "é máis que un club de fútbol, é unha empresa que xera riqueza na súa contorna". Unha compañía que segundo Escotet, ten que "profesionalizarse" e modificar a súa estrutura financeira para poder sobrevivir.

Con carácter inmediato, a entidade bancaria concedeu ao club un préstamo participativo de cinco millóns de euros, que xa conta co visto e prace da liga e que terá que ser aprobado na próxima xunta de accionistas do Dépor. Con este préstamo, a liga permitirá ao Dépor ampliar o seu tope salarial en algo máis de dous millóns de euros a distribuír entre os mercados de xaneiro e do próximo verán.

En paralelo, tras a xunta de accionistas, o consello de administración do club convocará unha nova xunta para finais de febreiro para proceder a unha ampliación de capital.

O DÉPOR, COMO UNHA EMPRESA

"Este rescate ao Deportivo non é diferente ao que fixemos con outras empresas galegas. E todos foron co visto e prace dos accionistas. Se non, non ten sentido", explicou o presidente de Abanca, que pide a "maior participación" da sociedade coruñesa para axudar ao club.

"No momento que se faga a ampliación de capital, queremos que todos os accionistas se sumen para asegurar a viabilidade do Deportivo", afirma Escotet. Pola súa banda, o candidato á presidencia do Deportivo, Fernando Vidal, sinalou que este acordo "abre a luz" ao club. "O Dépor non pode vivir coa auga ao pescozo", asegura.

Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca. ABANCA - Arquivo
Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca. ABANCA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta