Por Xurxo Salgado | Compostela | 02/09/2012 | Actualizada ás 00:00
O Consello Político Nacional que CxG celebrou este sábado acabou con fondas divisións entre os membros desta coalición. Os ecogaleguistas, tal e como xa adiantara GC, apostaron por aceptar a proposta que Xosé Manuel Beiras lanzou este venres para crear unha gran coalición electoral que inclúa a Compromiso, Anova e EU.
Sen embargo, a maior parte dos membros de Máis Galiza e, especialmente, os militantes máis centristas e galeguistas desta fronte rexeitaron una coalición ao xeito de "Syriza" e propuxeron un pacto electoral, pero só con Anova.
Máis Galiza impónse
Segundo as fontes do Consello Político consultadas por GC, finalmente, impúxose a decisión de Máis Galiza. Con todo, a proposta dos ecogaleguistas contou co apoio de independentes de esquerdas e mesmo con algún membro do PNG-PG. O grupo liderado por Xoan Hermida e Manuel Dios analizará nos vindeiros días novas alternativas.
Así, a proposta da Comisión Executiva Nacional a respecto da coalición electoral ofertada á Anova Irmandade Nacionalista foi “nidiamente galega e progresista”. Báscuas apostou por respostas “audaces”, que permitan unha alternativa "realista" ao Partido Popular á vez que posibilitar “un proxecto político propio de longo percorrido coa aspiración de gobernar este País”. Con todo, a proposta de coalición só foi para Anova, non para EU.
Programa de mínimos
En todo caso, Bascuas insistiu na necesidade dun programa de mínimos de defensa “do autogoberno, do Estado de Benestar e da democracia con propostas realistas e axuden a mellorar a calidade de vida da cidadanía nunha época marcada polo recurte de dereitos”. Do mesmo xeito, e a pesar das datas marcadas polo adianto electoral, Báscuas afirmou que o proceso de elección de candidatos e candidatas, a Convención Nacional de Eleccións Primarias”, “vai para adiante, porque ese foi o noso compromiso e non só falamos doutras formas de facer política, se non tamén as aplicamos”. Un proceso que se concretará o vindeiro 9 de setembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.