Por Galicia Confidencial | Santiago | 01/09/2012 | Actualizada ás 23:30
A executiva nacional de Esquerda Unida decidiu onte por unanimidade convocar o martes un Consello Político Nacional (CPN) extraordinario. Os comunistas organizarán asemade xuntanzas para "formar a Syriza galega que en base a un mínimo común múltiplo".
Esquerda Unida admite que a decisión de tentar formalizar un pacto "anticapitalista" con Anova non foi rápida. De feito, a reunión "alongouse até altas horas da madrugada para poder avaliar en profundidade as múltiples xuntanzas mantidas nestes últimos días coas distintas forzas galegas da esquerda real".
A candidata a Xunta, Yolanda Díaz, reclama “intelixencia, forza e xenerosidade para chegar aos puntos de encontro necesarios que permitan xerar unha alternativa con todas as voces críticas da esquerda onde primen os intereses da cidadanía e non os partidistas”.
Compromiso
Entre as reunións coa "esquerda real" estivo ANOVA, pero non o outro polo no que se organizaron os escindidos do Bloque, Compromiso por Galicia. CxG tamén fixo hoxe unha oferta de alianza aos irmandiños.
Os preto de oitenta membros do máximo órgano de dirección da organización galeguista xuntáronse hoxe en compostela para avaliar a "coalición electoral ofertada á Anova Irmandade Nacionalista de Xosé Manuel Beiras" . Xoán Bascuas, líder de CxG, quere unha oferta electoral “nidiamente galega e progresista”. O propio Bascuas xa aclarou que non se sumarán a unha proposta "anticapitalista" como a de EU, malia que polo menos unha das tres forzas que forma CxG, dialogou con EU sobre unha posíbel coalición.
A situación que estamos a vivir, segundo o líder de Compromiso, require de respostas “audaces”, que permitan unha alternativa realista ao Partido Popular de Núñez Feijóo á vez que posibilitar “un proxecto político propio de longo percorrido coa aspiración de gobernar este País”.
Do mesmo xeito, Bascuas asegura que é necesario un programa de mínimos de defensa “do autogoberno, do Estado de Benestar e da democracia con propostas realistas e que axuden a mellorar a calidade de vida da cidadanía nunha época marcada polo recurte de dereitos”.
Beiras convoca á prensa ao mediodía
Case descartado un pacto a tres bandas, á militancia de Anova quédalle pouco tempo para escoller socio ou ir en solitario. As súas asembleas locais reúnense esta fin de semana. O seu voceiro, Xosé Manuel Beiras convocou unha rolda de prensa para "dar conta dos acordos do Consello Nacional de ANOVA sobre a participación nas próximas Eleccións Autonómicas de 21 de Outubro".
Por se ANOVA non acepta a súa oferta, Compromiso xa ten organizadas as súas primarias. Estas serían previsiblemente o día 9 de setembro, se ben “cun procedemento aberto e á espera da concreción da oferta de coalición electoral, onde habería que acordar certas regras de xogo”. Na proposta aprobada hoxe escolleríanse en primeiro termo os cabezas de lista e posteriormente á Presidencia da Xunta cunhas votacións abertas a “militantes, simpatizantes e á cidadanía en xeral”.
Será pois este domingo cando probablemente haxa unha decisión cuasi definitiva de como se vai presentar a maior parte da esquerda galega á marxe do BNG. O que é evidente é que o adianto electoral pillou a uns e a outros coas negociacións con outras forzas demasiado verde , o que agora dificulta un debate sosegado entre as súas militancias.
De aí en parte que nas tres forzas implicadas (EU, Anova e CxG) haxa sectores a prol e en contra da coalición.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.