Bugallo mantén en febreiro a data límite para tomar "as decisións que procedan" para aprobar os orzamentos

Lembra que "a matemática" esixe ao goberno local conseguir o apoio ou a "non belixerancia" de PP ou Compostela Aberta e prevé recibir propostas esta semana.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2020 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reiterou este luns que se marca febreiro como data límite para "tomar as decisións que procedan" para a aprobación dos orzamentos, tanto se se alcanza un acordo con outros grupos que permita sacalos adiante coma se hai que vinculalos a unha "cuestión de confianza".

Díxoo en resposta a preguntas dos medios en relación ás críticas recibidas polos grupos da oposición, que ven un "atraso" nos prazos, e máis en concreto ás do BNG, que afeou ao alcalde a pouca "confianza" no proceso de negociación, dado que deixou aberta desde o primeiro día a porta a unha cuestión de confianza.

"É responsabilidade de goberno sacar adiante os orzamentos. O razoable é chegar a un acordo, pero se non o hai, que facemos? Quedamos sen orzamentos?", preguntou o rexedor, que lembrou que esta é unha posibilidade que prevé a lei "se non ten éxito a primeira opción", a negociación.

O alcalde atribuíu ao BNG un "exceso de interpretación" nesta cuestión e lembrou que "a ninguén se lle escapa" que o goberno local necesita ben "un acordo" ou ben "matizar o desacordo" con PP e con Compostela Aberta, que, "por número de votos no pleno" son as formacións "decisorias".

"Necesitamos alcanzar un acordo ou unha non belixerancia con algunha das dúas formacións con voto decisorio. É pura lóxica matemática", dixo Bugallo, que, en todo caso, explicou que o interese é "chegar a acordos o máis amplos posibles", que tamén impliquen ao BNG.

EN ESPERA DAS PROPOSTAS

Tras a "toma de contacto" da pasada semana, o equipo de goberno non ten aínda "ningunha proposta de ningún grupo" de cara ás contas para este ano, aínda que manterán unha reunión este martes con Compostela Aberta para coñecer as súas. Cando dispoñan desas propostas, garantiu que se lles dará "máis documentación" aos grupos, que criticaron non dispor aínda do borrador de orzamentos.

"Temos un orzamento terminado, pero está suxeito a cambios", dixo Sánchez Bugallo, que volveu a rexeitar entrar a debullar este documento polo momento e pediu ao resto de grupos que o proceso non leve "a través dos medios de comunicación, se non a través da mesa de negociación".

En todo caso, o alcalde reiterou que se marca o mes de febreiro como data límite para "tomar as decisións que procedan", despois de dedicar o que resta de xaneiro a "ver como se pode avanzar" en materia de negociación.

Sánchez Bugallo volveu a explicar que os orzamentos roldarán os 117 millóns e precisou que o capítulo de investimentos que propón o goberno será superior ao doutros anos, de ao redor de 14 millóns de euros. Así mesmo, destacou que o período medio de pago a provedores do mes de novembro foi de 31 días e medio, unha "redución substancial" coas cifras anteriores, e confiou en que o de decembro baixe dos 30 días.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, dá conta dos asuntos da Xunta de Goberno.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, dá conta dos asuntos da Xunta de Goberno. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta