Proxecto 85c: "Ás mulleres fáltannos representantes femeninas no mundo das artes"

Esta asociación de carácter feminista, busca dar espazos e visibilizar o papel das mulleres en temáticas artísticas. "Non hai ningún tipo de arte onde non se repitan as mesmas desigualdades e haxa paridade", sinala Marcia Vázquez, unha das súas fundadoras.

Por Raúl Novoa | Vigo | 19/01/2020 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

O movemento feminista non fica parado e cada vez son máis os lugares aos que chegan as súas demandas por unha sociedade máis igualitaria. É o caso do 'Proxecto 85c', nado en Vigo. Esta asociación de corte feminista ten coma obxectivo crear zonas de visibilización do papel da muller nas artes visuais, plásticas, escénicas... Un rol moitas veces "marxinado" ou "estigmatizado" a certa clase de índoles determinadas.

Películas dirixidas por mulleres. Proxecto 85c
Películas dirixidas por mulleres. Proxecto 85c

Marcia Vázquez, explica que ela e as súas amigas tiñan unha serie de preocupacións, "non saíamos nos espazos artísticos, nos museos... Non viamos mulleres relacionadas co mundo da arte en ningures, estábamos (e estamos) en desigualdade cos homes". Así, tras rematar o seu grao de Publicidade e RRPP quixo aproveitar "as ferramentas que otorga para facer algo de interese". "Xuntámonos todas e intentamos crear nós os espazos que botamos en falta". 

Agora sinalan que están nun proceso de balance, reestructuración e asimilar todo o acontecido, xa que gañaron o premio da Deputación de Pontevedra en Iniciativa Social. Galicia Confidencial, falou con Marcia e con Eva Comesaña -outra integrante do proxecto- para que expliquen un pouco as preocupacións desta asociación, que ten o seu nome no xogo do 85 -ano no que faleceu Rosalía de Castro- e na 'c' pola taia do sostén das mulleres -á vez que o apelido-.

Representación das mulleres no Día das Letras Galegas. Proxecto 85c
Representación das mulleres no Día das Letras Galegas. Proxecto 85c

Galicia Confidencial: A vosa primeira premisa é mostrar o papel que teñen as mulleres nas artes plásticas, audiovisuais, música, danza, poesía... É o mundo das artes desigual para as mulleres con respecto aos homes?

Eva Comesaña: Sí. Estivemos investigando sobre o tema con enquisas e coa documentación presente. Son desigualdades palpables. Nós, ademais de querer visualizar os traballos das mulleres nas artes, tamén buscamos expoñer a realidade sobre a que nos movemos.

Marcia Vázquez: Tamén o vemos nas propias experiencias que tivemos nós mesmas. Con datos obxectivos a xente disipa calquera tipo de dúbida

G.C: Hai teito de cristal?

M.V: Hai teito de cristal, fenda salarial ou desigualdade nos postos de dirección. Por todo o que atopamos semella un problema estructural, é dicir, non hai ningún tipo de arte onde non se repitan as mesmas desigualdades e haxa paridade.

E.C: Pasa incluso nas artes máis feminizadas pola sociedade, como é o caso da danza. Aínda que as escolas esten cheas de bailarinas, quen teñen os postos de poder e dirección son sempre os homes. Menos dun 22% das pezas de baile a gran escala no Estado son dirixidas por mulleres.

G.C: Entón, onde máis se materializa é no acceso á dirección?

E.C: Non tanto, acontece ata nos datos das estudantes. Por exemplo, na carreira de Belas Artes as mulleres son o 78% das estudantes matriculadas, pero no mundo profesional só o 18% delas están en galerías ou espazos onde poidan ser visibilizadas.

G.C: Vós notádelo á hora de facer os eventos ou encontros?

M.V: Notámolo á hora de atopar mulleres nas artes diferentes coma as convencionais. Casos coma no punk ou no rap cóstanos encontrar proxectos novos non tan coñecidos. Faltan referentes femeninos nestes temas.

E.C: Sí, que haxa unha paridade no grupo, dun xeito non instrumentista. É dicir, as mulleres sempre aparecen coma vocalistas ou bailarinas, pero en canto á hora de que toquen instrumentos é máis difícil atopalas. Seguindo o que dicía Marcia a nosa tarefa radica niso, en visibilizar a máis mulleres de diferentes disciplinas para que as nenas de hoxe poidan ter referentes.

G.C: "Ou o facemos nós ou ninguén o fai" soedes dicir. Niso básanse os movementos sociais. No caso do feminismo non parou de aumentar nos últimos 5 anos. Credes que seguirá esta onda?

E.C: Penso que a concienciación cada vez vai a máis. Tamén nos centros educativos comezan a centrarse máis no tema metendo programas de igualdade de xénero. Sen embargo, vai pouco a pouco. Aínda que por exemplo nos festivais vemos que cada vez aparecen máis mulleres nos carteis, habendo algúns exclusivamente adicados a esta visibilización, hai que seguir mellorando.

M.V: Aumentou un 6% a presencia femenina neste pasado 2019 no mundo artístico, pode verse reflectido a gran escala nos Óscars. Pese a iso, incluso nalgúns que parecen máis 'progres' coma o Viña Rock, bótase moitísimo en falta a presencia de mulleres, xa que  a súa representación está por debaixo do 5%. Ao final os cambios comezan nas pequenas esferas da sociedade e cando chegan as grandes están moi limitadas por todos os procesos institucionais que pode haber polo medio.

G.C: Seguindo o fío que dicides, están correlacionadas as grandes estructuras e institucións sociais coas de ámbito máis municipal e local?

M.V: É volver ao que lles interesa aos que teñen as posicións de poder. Quen está aí quere a parte económica, é dicir, chegar ao mainstream, a difusión e á rentabilidade económica, sen cuestionarse os principios éticos e morais. Isto repercute ás pequenas esferas tamén. O tema dos Óscars visibiliza máis o problema estructural que se falamos do cinema independente galego.

G.C: O '85' do voso nome é en referencia ao ano da morte de Rosalía de Castro. Por que a considerades a figura máis relevante no feminismo galego?

E.C: Escollémola a ela porque é unha referencia nacional na literatura feminista, ademais de vir da nosa terra. É unha forma de comezar o proxecto cunha referente femenina clara na que fixarse. Ela reivindicaba a súa independencia e a súa forma individual de pensar, na súa época.

G.C: Co nomeamento de Irene Montero coma Ministra de Igualdade e cun equipo formado exclusivamente por mulleres, hai confianza no novo goberno para que muden as cousas?

M.V: É importante que exista esa representación política, pero os cambios son tan grandes que debería ser moitísimo máis interseccional. Hai preocupacións nos estratos máis baixos na sociedade que aínda non están chegando aos nosos gobernos. Por exemplo, o tema da prostitución. Ao final sempre hai límites. Con todo, é unha opinión máis individual que a nivel asociación. 

G.C: Con que outras asociacións colaborades?

E.C: Neste último evento, de deformación en diferentes tipos de feminismos, colaboramos con 'Nós mesmas', de Vigo e máis centradas no LGTBI+. Tamén colaboramos con 'Afrogalegas' unha asociación da Coruña ou Accem, que traballa con migrantes e xente baixo risco de exclusión social. 

M.V: As colaboracións son interesantes no sentido de que ao ser un traballo militante, conseguimos tecer redes entre nós e axudarnos unhas as outras.

G.C: Que planeades de cara a novos retos e perspectivas de futuro?

E.C: Aínda estamos medrando e atopando o noso camiño a seguir. Sí que estamos evaluando agora os comportamentos de festa, é dicir, o acoso na noite por parte dos homes. Estamos elaborando en grupos mixtos protocolos de actuación para os locais, para estar en espazos máis seguros na nosa zona.

M.V: Tamén o venres 24 de xaneiro teremos un evento feminista na sala Kominsky en Vigo. Nós falaremos un pouco destes protocolos de actuación contra os comportamentes machistas. Tamén haberá un show de improvisación de dúas mulleres, unha baxista e unha violinista, un grupo de punk rock e logo Djset de tres mulleres. Animádevos a vir!

Porcentaxe de mulleres que estudan Belas Artes. Proxecto 85c
Porcentaxe de mulleres que estudan Belas Artes. Proxecto 85c
Representación das mulleres nas artes escénicas. Proxecto 85c
Representación das mulleres nas artes escénicas. Proxecto 85c
Faladoiro sobre a situación da muller no punk dentro do evento Nas Verzas. Proxecto 85c
Faladoiro sobre a situación da muller no punk dentro do evento Nas Verzas. Proxecto 85c
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

En fin, hai xente que se adica a mirar con lupa todo o universo para ver se a representación femenina no que sexa non atura o 50 %. Sona a histeria victimista total.