O xuíz ordena seguir a causa por homicidio imprudente contra os pais dun bebé morto e ás lesións que sufriu o seu xemelgo en Ourense

Apunta á "posible neglixencia" dos proxenitores ao deixalo durmir á beira dun calefactor aceso

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 22/01/2020 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución número 1 de Ourense ordena a continuación do procedemento abreviado por un delito de homicidio imprudente contra os pais dun bebé falecido en Ourense en marzo de 2019. Os proxenitores deberán responder tamén por un delito de lesións que sufriu o irmán xemelgo do falecido.

Despois dun arquivo provisional por este delito ao entender que "o informe definitivo da autopsia non pode certificar as causas da morte", o xuíz admite finalmente o recurso interposto polo Ministerio Fiscal. O xuíz apunta, ademais, a que nos informes policiais "se obxectivan unha serie de feitos que poden levar a pensar que foi unha conduta neglixente dos pais a que puido ocasionar o falecemento do bebé".

Deste xeito, alude a que "é perfectamente posible que os pais deitasen ao bebé á beira dun calefactor para evitar que tivese frío pero ao quedar durmidos non repararon na excesiva calor que lle produciu ao bebé, o que puido desencadear o posterior falecemento". Este dato coincide coa información facilitada por fontes próximas á investigación que indicaban que no momento da morte "o bebé presentaba as roupas totalmente molladas".

Todos estes motivos levan ao xuíz a considerar que "a morte do bebé non foi debida a causas fisiológicas, senón á neglixente actuación dos seus proxenitores ao deitalo no interior dun maxi cosi cun calefactor aceso e orientado cara a el". Dita conduta, segundo o instrutor, "ten perfecta cabida dentro do delito que castiga por imprudencia grave ao que causase a morte doutro, neste caso, un bebé de apenas dous meses que indubidablemente se atopaba baixo o coidado e vixilancia dos seus pais".

Por tanto, o Xulgado de Instrución número 1 de Ourense engade agora ao delito de lesións que levaron ao ingreso do irmán xemelgo cunha fractura nas costelas o pasado mes de marzo outro de posible homicidio.

ACUSACIÓN POPULAR

A Fundación Amigos de Galicia anunciou este mércores que se persoa como acusación popular na causa. A decisión fíxose pública tras coñecerse a noticia da reconsideración do xulgado de admitir o recurso de reforma presentado pola Fiscalía de Ourense.

Por parte da Fundación centran os seus esforzos en "a defensa dos dereitos dos menores". Por este motivo, a entidade explicou que "se persoa de maneira habitual como acusación particular nos procedementos abertos nos que existen menores desprotexidos".

Audiencia provincial de Ourense.
Audiencia provincial de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta