Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2020 | Actualizada ás 19:01
A Consellería de Medio Ambiente mobilizará este ano un millón de euros a eliminar uns 150 puntos de vertedura incontrolada (PVI) por toda a xeografía galega. Así se recolle na resolución que publica este xoves o Diario Oficial de Galicia.
Con esta nova campaña para a erradicación de PVI en Galicia, cofinanciada ata un 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), estímase que se poderá actuar sobre aproximadamente 150 focos no conxunto da comunidade. Os traballos concretos a acometer determinaranse en función das solicitudes recibidas por parte dos concellos e da valoración técnica da Xunta.
Principalmente, as obras encomendadas consistirán en actuacións de clasificación dos residuos para a súa reciclaxe ou valorización, no perfilado e acondicionamento dos residuos inertes e na revegetación mediante estendido de terra e sementeira. Inclúese, demais, o levantamento GPS dos puntos, reportaxe fotográfica anterior e posterior ás obras e a elaboración e redacción de informes.
"Os puntos de vertedura incontrolada, nos que se van acumulando residuos sólidos de moi distinta natureza, supoñen un risco para a saúde pública, poden ser orixe de incendios e accidentes, constitúen un importante foco de contaminación e producen un impacto paisaxístico negativo, co prexuízo que isto ocasiona para a contorna desde un punto de vista ambiental e estético", indica a Xunta.
Coa súa identificación e limpeza contribúese a "minimizar e corrixir a afectación orixinada", logrando "a restauración da contorna e previndo a proliferación de novas acumulacións, ao eliminar o hábito de depositar lixo nestes lugares", explica, nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.