Ana Miranda visita os políticos cataláns encarcerados para trasladarlles a "solidariedade" do BNG

"Queremos trasladar a Junqueras o noso total apoio pola sentenza do Tribunal Supremo ao rexeitar suspender a decisión da Xunta Electoral Central", di a eurodeputada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2020 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, visita este xoves e venres aos políticos independentistas cataláns encarcerados en Lledoners e de Mas d'Enric, aos que trasladará a "solidariedade" da dirección do Bloque Nacionalista Galego.

De esquerda a dereita: o exconseller Raúl Romeva, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o exvicepresidente da Generalitat Oriol Junqueras.. BNG - Arquivo
De esquerda a dereita: o exconseller Raúl Romeva, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o exvicepresidente da Generalitat Oriol Junqueras.. BNG - Arquivo | Fonte: Europa Press

"Ademais de expresarlles nosa absoluta solidariedade pola prisión inxusta que están a sufrir, queremos trasladar a Junqueras o noso total apoio pola sentenza do Tribunal Supremo ao rexeitar suspender a decisión da Xunta Electoral Central (JEC) que lle impediu asumir o seu escano como eurodeputado", explica Miranda.

A formación nacionalista explicou que a tamén coordinadora de Relacións Internacionais do BNG realiza esta visita como integrante da delegación Plataforma de Diálogo UE-Catalunya, de forma que este xoves en Llenoders atopouse con Oriol Junqueras, Raül Romeva, Jordi Sánchez, Jordi Cuixart, Joaquim Form, Jordi Turull e Josep Rull.

A previsión é que este venres, tras os encontros co presidente do goberno catalán, Quim Torra, e o conselleiro de Asuntos Exteriores, Alfred Bosch, se traslade ao cárcere de Mas d'Enric para visitar a Carme Forcadell.

"Desde o BNG temos claro que os conflitos políticos só poden ter solucións políticas", sinala Ana Miranda, que considera un "despropósito" que non se cumpra a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, do pasado 19 de decembro, segundo a cal "unha persoa elixida ao Parlamento Europeo adquire a condición de membro da devandita institución desde a proclamación oficial dos resultados e ten desde ese momento as inmunidades aparelladas a tal condición".

Para a portavoz do BNG en Europa, os dereitos de Junqueras foron "gravemente vulnerados" por non permitirlle acudir ao pleno da Eurocámara para asumir o escano que alcanzou como eurodeputado nas eleccións europeas do pasado 26 de maio como cabeza de lista da colación Agora Repúblicas, coa que se presentou o Bloque. "Estamos ante unha situación de déficit democrático que é imprescindible corrixir", considera.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta