A Xunta rexeita a reapertura da polémica mina de cobre de Touro e O Pino

A Consellería de Medio Ambiente argúe que "non se garante a sustentabilidade ambiental". Á empresa mineira quédalle a vía do recurso contencioso. En Marea valorou a decisión como unha "contundente vitoria" e o BNG como "un gustazo".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/01/2020 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

A Xunta rexeitou o proxecto da mina de cobre dos municipios coruñeses de Touro e O Pino, xa que "tal e como estaba redactado non se garantía a sustentabilidade ambiental".

Mina de Touro.
Mina de Touro.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, informou de que este martes se asinou unha declaración de impacto ambiental negativa, tras haber dous informes "desfavorables" e "insalvables" de Patrimonio Natural e de Augas de Galicia.

Así, detallou que os informes técnicos recollen a afectación do proxecto mineiro na "calidade das augas" dos municipios do Pino e Touro, á vez que "se hai un desastre" non se garante a protección dunha zona de especial conservación (ZEC).

E é que un estudo solicitado a Augas de Galicia conclúe que a actividade mineira aumentaría a presión hídrica sobre as augas da contorna, co consecuente risco para un estado ecolóxico óptimo.

Agora, esta declaración ambiental negativa é trasladada á Consellería de Industria para que se poña fin ao proxecto. Ademais, deuse aviso aos alcaldes de Touro e O Pino (ambos os dous do PP). Con todo, Vázquez explicou que a vía que queda á mineira, "como todo promotor", é a de "recorrer ao contencioso".

REXEITAMENTO SOCIAL

O proxecto para a reapertura da mina de Touro atopouse con forte rexeitamento social desde os seus comezos, coa posta en marcha dunha activa plataforma veciñal, unido a múltiples mobilizacións na comarca.

A preguntas da prensa sobre se estas protestas influíron na negativa do Goberno galego, a conselleira deixou claro que "en absoluto", porque "o que prima é única e exclusivamente os informes dos técnicos". "En ningún caso pesa ningunha manifestación, só faltaba, porque se non estariamos todos vendidos", agregou.

Hai uns anos a Xunta tamén denegou outro polémico macroproxecto mineiro ao descuberto, o de Corcoesto, no municipio de Cabana de Bergantiños (A Coruña), aínda que naquel caso foi por razóns financeiras e técnicas.

PROXECTO

Atalaya Mining (que cotiza en bolsa en Londres e cuxos socios de referencia son un grupo chinés e outro con sede en Suíza) e Explotaciones Gallegas (propietaria do terreo, que extrae áridos e á que a Xunta abriu varios expedientes) son as compañías promotoras de Cobre San Rafael, que impulsa a explotación dunhas 700 hectáreas de superficie.

En maio de 2017 presentouse ante a Consellería de Industria o proxecto, mentres en outubro de 2018 comezou o procedemento ambiental, que agora conclúe cunha valoración negativa. Na exposición pública a Xunta recibiu unhas 1.200 alegacións.

Recentemente, a compañía Cobre San Rafael cifrou en 7,5 millóns de euros o investimento realizado ata o termo de 2019 para a reapertura, con anos nos que se realizaron centos de prospeccións. O obxectivo era investir uns 200 millóns en 15 anos, coa creación duns 400 empregos directos, segundo estimacións da empresa.

En cambio, colectivos ecoloxistas informaron nos últimos meses de que Augas de Galicia abrira un expediente sancionador por unha "vertedura non autorizada susceptible de alterar a calidade da auga" ao arroio Brandelos, afluente do río Ulla.

Ademais, denuncias foron trasladadas ao xulgado sobre as filtracións de auga da antiga explotación mineira que funcionou na localidade coruñesa ata finais da década dos 80 e na que se asentaba, en parte, o proxecto de Atalaya Mining.

RISCO PARA A GANDARÍA

Antes de coñecerse a nova, a plataforma veciñal oposta á reapertura da explotación mineira denunciou que a actividade extractiva, de levarse adiante, podería provocar diversos efectos negativos na saúde de animais domésticos e salvaxes, “dando lugar a casos de envelenamento, infertilidade, problemas óseos ou unha maior susceptibilidade a padecer enfermidades”.

Estes temores apuntan aos posibles efectos sobre o gando e o seu rendemento. Todo isto debido a que por “acumularse os metais pesados en tecidos internos, pode ter implicacións na saúde pública por consumir esa carne ou derivados”.

Por este motivo, desde a Plataforma pedían que a Xunta de Galicia rexeitase o permiso de apertura da mina de cobre a ceo aberto, ademais de "esixir ao concesionario dos terreos mineiros que restaure os solos degradados pola actividade extrativa de hai máis de trinta anos”.

A Plataforma Mina O Pino-Touro Non declararon tamén que os “proxectos mineiros como o de Touro supoñen un alto custe ambiental a pagar”. Xunto a isto, denuncian que a empresa promotora, Cobre San Rafael, “pretende destruir 341 hectáreas de masa forestal e 150 de cultivos e vexetación natural, o que representa máis do 70% do terreo proxectado para a explotación”.

Segundo o mesmo colectivo, a zona é refuxio de fauna silvestre polo que, de terse aprobado o proxecto de reapertura da mina, “se producirían graves cambios no hábitat da fauna asociada coa vexetación destruida”.

EN MAREA

O portavoz de En Marea, Luís Villares, valorou o "carpetazo" á mina de Touro como "unha contundente vitoria" da mobilización cidadá "en defensa da vida, do medioambiente, a auga, a terra e o futuro de Galicia".

Villares destaca que "foron dous anos de mobilización cidadá que dobregaron finalmente á Administración pública". "O interese xeral prevalece sobre os intereses particulares de rapina sobre o territorio que unhas empresas desalmadas querían á conta do futuro do noso país", afirma.

Por iso, considera que o ocorrido na mina de Touro deixa "un ensino moi importante", xa que a mobilización é "imprescindible" para que haxa un medio ambiente "digno" para xeracións "presentes e futuras".

BNG

O BNG considera que o informe ambiental negativo ao proxecto da mina de Touro é "unha boa noticia" e "un triunfo da presión política e cidadá". "Un gustazo", en palabras do deputado Xosé Luís Rivas, que, no entanto, instou a "estar alerta" en relación ao futuro deste proxecto.

"Detívose un proxecto que supuña residuos, contaminación e unha ameaza para o futuro da conca do Ulla, que incluía unha balsa mineira de millóns de toneladas que ocupaba unha superficie de 126 hectáreas e un muro de 80 metros de altura, toda unha hipoteca ambiental para as xeracións presentes e futuras", dixo o deputado.

Pese ao "respiro" que supón esta decisión da Xunta, Rivas advertiu de que "é necesario estar alerta". "Non van deixar a presa tan facilmente, porque a nova lei de avaliación ambiental, en fase de consulta previa, ten como finalidade axilizar os trámites, diminuír os obstáculos e favorecer os trámites de futuros proxectos", subliñou o deputado nacionalista.

PLATAFORMA CONTRA A MINA DE TOURO

A portavoz da plataforma veciñal contra a mina de Touro-O Pino, Isabel García, dá "a benvida" á decisión da Xunta e espera que sexa "definitiva" e supoña "a liquidación" dunha iniciativa "que non había por onde collela".

"Por fin parece que é o momento de dicir que temos razón, que non somos uns iluminados e que todas as reclamacións que fixemos tiñan unha razón de ser, non eran baleiras e os técnicos da administración así o avalan", sinalou García en declaracións a Europa Press.

Con todo, lamenta "o atraso" a este "carpetazo" e confía en que sexa "definitivo" para a reapertura da mina. Así mesmo, asegura que estarán "vixiantes" aos recursos que poida presentar a mineira.

A MINEIRA AVALIARÁ PASOS A SEGUIR

Pola súa banda, Cobre San Rafael trasladou a Europa Press que "tivo coñecemento desta resolución a través dos medios de comunicación". "Ata que non se reciban os documentos oficiais, non poderemos valorar a posición da empresa con respecto á mesma e as opcións de futuro deste proxecto mineiro", asegura a empresa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Un que foi de manifa a Touro

De entrada, está claro que é unha decisión tomada exclusivamente pola fraca vantaxe que ven cara as próximas eleccións. Por outro lado, sabendo que detrás desta explotación había xente con apelidos como Cifuentes e alcumes como "compiyogui", se a Xunta toma esta decisión, seguro que por debaixo da mesa os compensa axeitadamente. Que non nacemos onte!!

2 XanciñoG5Wz

Sin restarlle méritos a tod@s. O secreto deste “aparcamento” ten máis que ver cos temblores de cù do PP cara as autonómicas, que con outras cousas. De aquí aló, ainda pode tocar algunha pedrea máis. Agora “ O GORDO” é que se vaian dunha P vez!. Así que ànimo!. Queda moito...

1 miñoca

Grazas Luis Villares, Isabel Garcia e a todas as que apoiaron esta loita que nalgun momento pareceunos titánica imposible contra esta teoría do Taladrismo escola de pensamento filosofico inventado polo Doutor Berbiki. Saude e III República