Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2020 | Actualizada ás 17:29
O Concello das Pontes remitiu un escrito á Consellería de Sanidade para reclamar que se cubra de forma "urxente e inmediata" a praza de pediatra no centro de saúde do municipio, tras a baixa da profesional que prestaba servizo alí.
No texto, o municipio expón "a situación actual na que se atopa" o centro de saúde local, "ante a falta" de pediatra e sen "que estea previsto que a baixa sexa cuberta pola Administración sanitaria". "Non se pode permitir esa falta de previsión, cando a baixa da facultativa é por maternidade e houbo tempo para prever a súa substitución", explican.
Esta circunstancia, apunta o consistorio, vai levar a que "case 1.100 nenos menores de 14 anos" sexan atendidos "por profesionais sanitarios sen experiencia nin formación pediátrica de ningún tipo", mentres que os menores de tres anos terán que "desprazarse a 40 quilómetros para ser atendidos no centro de saúde Fontenla Maristany, en Ferrol".
Desde o Concello das Pontes consideran esta situación "inadmisible" e reclaman ao Goberno galego que dote dunha "maior estabilidade aos profesionais dos servizos de pediatría", así como que desenvolva "un plan de contratacións que permita incorporar máis especialistas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.