Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 31/01/2020
O protagonista de “O que arde” non é un pirómano. Un pirómano é quen planta un eucalipto en Galicia. Pirómanos son as empresas e asociacións que meten presión para que se sigan plantando eucaliptos en Galicia. Pirómana é a prensa que asume as teses dos grupos intereseiros na invasión do eucalipto. Pirómanos son os Concellos que permiten a colonización do seu medio por parte do eucalipto. E pirómano é un goberno autonómico incapaz de deter a invasión do eucalipto e promover a súa erradicación no medio natural galego.
O rural disque está de moda. Non é moda senón necesidade. Algúns levamos máis de dez anos clamando no deserto. O progreso de Galicia pasa pola revolución do seu medio rural a partir de erradicación do eucalipto e a substitución desta especie exótica invasora por árbores autóctonos mailo cultivo das especies agrarias cunha maior produtividade no campo galego. Unha revolución imprescindible que debe liderar a Xunta de Galicia e na que se han integrar tódolos colectivos vinculados (concellos, propietarios, cooperativas forestais e agrarias, empresas transformadoras, facultades universitarias e centros de investigación, etc.).
E Australia arde. Os efectos serán devastadores. A fauna e a flora arrasada. O medio natural arruinado. A calidade do aire e do solo depauperada. Velaí temos o primeiro caso tanxible propiciado directamente polo cambio climático. O eucalipto, ademais de empobrecer o medio onde medra e se espalla, é cómplice principal dos incendios devastadores. Galicia pode ser Australia en calquera momento. Outra razón para acometer de vez a revolución do noso rural.