A velutina, unha invasora que vén para quedar en Galicia: "A súa erradicación é ciencia ficción"

Apicultores e expertos en medioambiente anuncian que as velutinas chegaron para quedar e que, a partir de agora, haberá que convivir con elas o mesmo que con outras especies invasoras. Actualmente existen estudos para frear a súa proliferación, pero non a súa extinción. A cuantificación de danos só en apicultura estaría sobre os cinco millóns cada ano din desde asociacións de apicultores.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 03/02/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

A velutina chegou para quedar, o mesmo que outras especies invasoras en Galicia. A conclusión parte da experiencia tanto de apicultores como de científicos e especialistas en medio rural. Así, os esforzos para combater este insecto están coordinados desde a Vicepresidencia da Xunta, debido á elevada incidencia tanto económica, social e de saúde que trae a aparición deste insecto. Non obstante, a día de hoxe non existe un remedio definitivo que permita a contención do avance da velutina en Galicia.

Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso
Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso | Fonte: CONTEXTOPLUS.

É POSIBLE ERRADICAR A VELUTINA?

En oito anos a velutina estendeuse por todo o territorio galego mentres se busca unha solución que poda rebaixar a incidencia negativa desta especie, tanto economica como socialmente. Se por unha banda ten afectado á produción apícola desde un primeiro momento, investigadores e autoridades apuntan que outros sectores como o da madeira e o frutícola tamén están afectados, así como a seguridade sanitaria das persoas en xeral.

Galicia Confidencial formulou a pregunta a unha serie de persoas relacionadas con este asunto. É posible a erradicación total da velutina en Galicia? “Non, non existe un remedio que permita a erradicación desta praga e tampouco pensamos nel”, di Jesús Asorey da Asociación Galega de Apicultores (AGA) que este sábado 1 de febreiro celebra o seu corenta aniversario. “Hai que aceptar que viñeron para quedar, cremos que se poden controlar para convivir con elas”.

“Pensar en erradicar totalmente a velutina é ciencia ficción” di Marcos González do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela. A aparición deste insecto en Galicia debe situarse nun contexto xeográfico onde existen máis de 200 especies invasoras, segundo González. O caso da velutina é un dos problemas ambientais “máis graves que ten Galicia polo triplo impacto que ten: ambiental, sanitario e económico”.

A vespa. CARLES LOPEZ BUSTINS
A vespa. CARLES LOPEZ BUSTINS | Fonte: UNIÓ DE PAGESOS - Archivo

Jesús Orejas, técnico da consellería de Medio Rural, non ve posible que a velutina desapareza da nosa xeografía. Orejas apunta a factores como a súa capacidade de adaptación, de reproducción e ademais que “en teoría é unha especie con parada invernal, mais ultimamente  as persoas comentan que o parón invernal non se ten dado coa frecuencia dos primeiros anos”. O factor que podería estar detrás  sería unha climatoloxía invernal máis benigna.

METODOLOXÍAS DE CONTROL

Un rexistro feito por Medio Rural, segundo Jesús Orejas, contabilizou 24.000 niños para as bases de datos da Consellería. Por outra parte, Orejas sinala que tamén “somos conscientes de niños aos que é imposible de acceder e son potenciais sementes para o seguinte ano”. A conclusión é que probablemente o número sexa moi superior ao rexistrado en Medio Rural.

En tal caso, o método usado e que deu mostras de ter unha certa efectividade é, segundo Roberto Delgado, técnico da Empresa Pública de Servizos Agrarios (SEAGA), “ o uso dunha pértega para a introducción dun biocida no niño”. Este método ten evolucionado segundo sexan niños primarios ou secundarios. “Cos primarios o uso de insecticidas xa sería suficiente, cos secundarios úsase a pértega que pode ter 20 metros, unha marcadora de aire comprimido que dispara un biocida e tamén emprego de detonacións de baixa intensidade”. Este último método consiste en detonar unha caste de explosivo de baixa intensidade que se introduce de noite nos refuxios das vespas.

Jesús Asorey apunta catro liñas de acutación para controlar a expansión do insecto.  A primeira sería colocar trampas na primavera e capturar as raíñas. Logo a eliminación dos niños visibles en verán. A defensa dos apiarios porque somo so sector máis afectado, e por último “a investigación para a longo prazo para ter algún mecanismo de control”.

Existen programas de estudo sobre a aplicación de métodos biolóxicos que non afecten ao medio ambiente. Tal é o caso de estudos sobre as feromonas da velutina ou sobre os parasitos que puideran infectala. “Os investigadores franceses teñen estudado fungos como patóxenos e hai resultados prometedores” di Roberto González. De momento aínda se está nunha primeira fase creando un inventario sobre posibles axentes biolóxicos. “A arma biolóxica é eficaz, mais pode ser moi perigosa se non se fai con precaución pensando nas consecuencias de introducir un axente novo nun ecosistema”.

Desde o día 1 de xaneiro de 2020, a actuación para a retirada de niños está centralizada a través da Subdirección de Administración Local de Vicepresidencia, que conta cun orzamento de 2,4 millóns de euros. Ata ese momento o Plan de Actuación contra a Velutina, que arrincara en 2014, implicaba as consellerías de Medio Rural, Medio Ambiente e Vicepresidencia da Xunta e a Dirección Xeral de Emerxencias. Xunto a estes organismos interviñan os concellos que figuraban como colaboradores, sobre uns 200. Cada unha destas entidades poñía medios ao seu dispor dentro das súas xurisdiccións.

Actualmente Vicepresidencia da Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias anunciaron en outubro de 2019 a creación dun plan de loita contra a velutina. De momento os concellos que integran a FEGAMP están estudando o plan ata a súa sinatura definitiva.

A convivencia coa velutina é algo que se debe asumir segundo os expertos e sectores afectados pola mesma. Aínda así, desde eses sectores reclámase un investimento maior en I+D+i para desenvolver axentes patóxenos biolóxicos para frear a expansión do insecto. Mentres tanto, as diferentes administracións parecen estar de acordo en centralizar máis a loita contra a vespa asiática.

Vespa velutina
Vespa velutina
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta