GC Aberto

O PSOE esnáfrase en Fene

A Moción de Censura que en Fene se someterá a debate e aprobación no pleno do próximo sete de febreiro, de prosperar, non só desaloxará o PP da Alcaldía senón que aniquilará políticamente o seu máximo valedor e concelleiro socialista que se opuxo de sempre a conformar un Goberno de progreso.

Por galdo1950 (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/) | GC ABERTO | 03/02/2020

Comparte esta noticia

Antón Noceda, socialista de Fene
Antón Noceda, socialista de Fene

Fene, que tras a celebración das primeiras eleccións municipais da democracia se converteu en vangarda e referente do municipalismo durante un cuarto de século, tras ese período, como consecuencia do cambio de signo político no liderado do novo executivo municipal en mans do PSOE, o Concello penetrouse na fase máis convulsa da súa historia, pois a perda da maioría absoluta do BNG conduciu á constitución dun goberno de coalición onde as diverxencias entre ambas as formacións tanto en materia de xestión como ideolóxica se fixeron notorias.

Especialmente polo afán protagonista e a bisoñez dos representantes socialistas, que nunca tiveron a sutileza de administrar o seu triunfo nas urnas coa sensatez debida ao confundir a dignidade coa testosterona.

Actitude que lonxe de producir estabilidade ao novo executivo, propiciou por mala praxe gobernar unha coalición co retrovisor en activo, para detectar coa anticipación debida os golpes baixos e os momentos de traizón, que foron a dinámica imperante e o factor causante da defunción prematura daquela alianza de goberno marcada pola inestabilidade. 

Óbito que se deu xusto á metade de lexislatura, cando poñendo fin a varias semanas de desencontros entre ambos os socios, os cinco edís do BNG anunciaron publicamente a ruptura do pacto argumentado na deficiente xestión do grupo socialista á fronte do Concello, “parálise administrativa” á que engadían a falta de respaldo dos socialistas á iniciativa lexislativa popular para reivindicar a volta do estaleiro de Astano, á construción naval convencional.

Pero houbo continxencias engadidas que intensificaron a división entre as partes, e transformaron toda probabilidade de reciprocidade nun escenario de hostilidade permanente, sobresaíndo a aversión entre integrantes de ambos os grupos e o incidente dunha refrega entre concelleiras no propio despacho da alcaldía.

Desatinos que ao prolongarse no tempo a continuidade política do principal instigador da conflitividade fixo que todo intento de avinza resultase unha quimera, desde o punto e hora que na complexidade daquela tesitura uns só gañaban na medida na que os outros perdían.

Neste conflito de relación a crispación impúxose ao ánimo de entendemento impedindo  estruturar de forma estable alianzas políticas de consenso como así ocorreu dunha ou outra maneira nos comicios do 2011, 2015 e mesmamente co funesto avatar do 2019. 

Circunstancias que para nada variaron, sendo por iso que en tanto o belixerante Antón  Noceda leve a voz cantante do PSOE na localidade, será materialmente imposible  implementar un acordo de goberno estable e en consonancia co resultado maioritario das urnas, suscitando tal impedimento a súa autoría intelectual na moción de censura que o 2018 entregou a Alcaldía ao PP, un desvarío que revela a súa tendencia política de preferencia á vez de delatar a súa visceralidade antinacionalista.

Un anacronismo onde as súas fobias persoais se antepuxeron á realidade política de Fene   que continuadamente desde a instauración da democracia a esquerda no seu conxunto sumou máis votos que a dereita, como actualmente segue ocorrendo; resultando imposible  por aritmética electoral que un partido como o PP que conta co apoio dun terzo escaso dos votos, tivese opción algunha de facerse co bastón de mando da alcaldía, a non ser como é o caso, que a bastardía política se impuxese á dinámica democrática, de tal modo, que os pactos en cuberto e os intereses persoais prevalecesen sobre a vontade popular como así foi.

Pero cando na súa deslealdade o staff dirixente do PSOE local condenaba a veciñanza a facer tragar coa anomalía democrática de manter o PP á fronte do Consistorio, son as concelleiras que como independentes concorreron aos comicios municipais na súa propia lista quen nun exercicio de dignidade, desatendendo as artimañas da Executiva Local do partido se decantan por facer seu o sentir maioritario manifestado polos electores nas urnas e sumarse así á Moción de Censura que desaloxará un intruso Gumersindo Galego da Alcaldía.

Valente e consecuente actitude que demostra sólidas conviccións e vontade de reconstituir algo dexenerado, ao tempo de restituír con iso a decencia na política local, cando signos como os referidos son indiciarios do descrédito que padece a institución, parte da súa representación política polo enfraquecemento no seu funcionamento democrático.

Con esta alteración  na  correlación da representación municipal ábrese a posibilidade de rescatar a autenticidade democrática e devolver a dignidade á institución tras a involución dos últimos tempos, que posibilite cambiar as cousas en vantaxe do interese xeral e do benestar  da veciñanza do Concello.

Para iso é fundamental que nesta alianza de consenso a institución pase a cumprir unha función efectiva como administración transparente e próxima á cidadanía, dando un xiro radical á situación e afrontando un cambio real que mude de raíz o actual formato de política municipal, substituíndo a anacrónica representación duns cargos institucionais máis preocupados por satisfacer o seu egocentrismo, que por facerse receptores das demandas sociais.

A oportunidade democrática que brinda a Moción de Censura aos membros do goberno dimanante é de alta responsabilidade, e vén lembrarlles que ninguén poderá axudarlles a rexenerar a institución municipal, se non o fan eles mesmos.

Pleno éxito no labor!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta